O patrimonio municipal debe estar a disposición da cidadanía. Antes, cómpre actualizalo!

Lugonovo convida ao goberno a actualizar o inventario do Patrimonio Municipal, logo de cinco anos sen revisarse.

“O último listado completo no que se enumeran os bens locais data do ano 2014, a excepción dunha pequena relación de vehículos e maquinaria do Parque Móbil que se publicou no exercicio seguinte. Aí acaba a pegada das propiedades institucionais na páxina web do Concello”, lamenta Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da agrupación insta ao executivo a analizar, de novo, esta catalogación e a darlle transparencia.

“Cremos que, despois dun lustro, vai sendo hora de poñer ao día as pertenzas que constan no haber da administración, como poden ser os terreos, inmobles e outro tipo de infraestruturas así como as obras artísticas que posúe. Un compendio ao que se lle debería dar difusión coa fin de que a cidadanía o coñeza pero que, ao tempo, posibilite levar un control estrito e rigoroso do mesmo”, di Pérez Herráiz.

No caso dos predios, a voceira da formación entende que esta actualización debera conlevar tamén a mellora da súa limpeza e mantemento así como a súa posta en valor para o que suxire outorgarlles algunha finalidade. “Destinalos a zonas dotacionais ou mesmo á creación de hortos pode ser unha boa alternativa para moitas desas parcelas que agora só serven de criadeiro de silvas”.

 “Se un non sabe o que ten tampouco lle pode sacar partido polo que, dende Lugonovo, reclamamos deste equipo de goberno que identifique periodicamente o patrimonio lucense para poder exercer sobre el unha xestión responsable e, sobre todo, orientada a poñelo a disposición da poboación”, conclúe Cristina Pérez.