Principios comúns

Vivimos unha época convulsa, onde aquela fotografía fixa bipartidista no Estado e tripartidista en Galicia derivou nun tempo de emerxencia política onde apareceron e aparecemos novos actores políticos e sociais dispostos a cuestionar, e mellorar na medida do posible, o estado das cousas. Dende Lugonovo, como a nivel galego fai o espazo de En Marea, nacimos neste contexto como unha resposta democratizadora e progresista, comprometida cos dereitos das persoas, co seu benestar e, sobre todo, a vontade das maiorías. Como naquel 25 de abril portugués, estamos convencidas de que o povo é quem mais ordena.

Os dereitos das mulleres, do colectivo LGTBI, das persoas migrantes, de todos nós, non son moeda de cambio.

Sen embargo, máis alá do programa político de Lugonovo e do espazo nucleado arredor da necesidade dun cambio político avanzado, existen unha serie de puntos que xulgamos comúns a todas as forzas progresistas. Non nos cabe dúbida de que case todos os partidos políticos, como expresión da vontade social maioritaria, compartimos unha serie de valores de convivencia, integración e respecto que nos cinguen a todos na obriga compartida de defendelos. Valores como a igualdade real entre xéneros, o dereito á libre expresión e defensa das ideas, a practicar ou non practicar unha relixión ou outra, a non ver comprometidos os dereitos políticos e a integridade física ou moral por motivo de raza, xénero, clase ou orientación sexual… son comúns a calquera organización democrática. O sentido común dítanos que todas as persoas que integran unha sociedade merecen respecto e os discursos de odio, especialmente dirixidos contra a “diferenza”, non teñen cabida nin razón de ser. Non se pode facer un mundo mellor indo contra as mulleres, contra os inmigrantes, contra as persoas LGTBI ou con solucións dun simplismo groseiro aos problemas estruturais do noso tempo.

En Lugonovo, sabemos que estes valores son un punto de encontro de todos os partidos democráticos. Por iso, xamais negociaremos politicamente utilizándoos como moeda de cambio. Estes valores que asumimos como propios guiarán tamén calquera acordo ao que poidamos chegar antes ou despois das eleccións municipais con calquera outro partido, de calquera ámbito, en calquera situación en que sexa preciso un diálogo político. Os dereitos das persoas, especialmente dereitos recentemente conquistados tras décadas de loita, non son un capricho nin unha prebenda que colocar sobre unha mesa. O respecto, a convivencia, o pluralismo, non son moedas de cambio. Son sentido común.

Cristina Pérez Herraiz, portavoz municipal e candidata á alcaldía por Lugonovo