Sen animación nos centros de convivencia… ¿cal será o próximo logro do goberno local?

“Unha falta moi grave de xestión… outra máis”. Así é como a portavoz de Lugonovo cualifica que os usuarios dos centros de convivencia da cidade se vexan privados, dende esta semana, das actividades municipais nas que se inscribiron.

 “É xa a dinámica  habitual deste goberno, esgotar os tempos, desoír as advertencias dos técnicos, ignorar os requirimentos dos prazos… todo, con tal de non asumir as súas responsabilidades”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

“Entre o serial da Policía, as eivas que padecen os bombeiros, a situación irregular na que se atopan medio cento de licitacións, o funcionamento do Concello empeora por momentos. A este paso a alcalesa non vai ter máis alternativa que pechar as portas e colgar un cartel de cerrado por incompetentes”.

A voceira da formación considera inxustificado que dende a área de Benestar non se tivera axilizado o expediente de contratación para garantir o desenvolvemento da prestación, “tendo en conta que a concesión xa rematou en outubro pasado e, polo tanto, se estaba a dispensar de forma prorrogada cunha data de caducidade definitiva e clara”.

“O acontecido só significa que para o executivo os dereitos da cidadanía son o último. Nin lle importan o máis mínimo, nin lle dan ningún valor ao feito de deixar á veciñanza sen servizos. Como tampouco ten  reparos en ocasionar, coa súa falta de previsión e organización, unha duplicidade do traballo administrativo”, reprocha Pérez Herráiz.

Para a portavoz de Lugonovo, o feito de ter que tramitar agora un contrato ponte para ofertar a animación dos locais socioculturais suporá, por unha banda, incrementar a carga laboral deste departamento pero tamén redundará na transparencia do procedemento, que no canto de aberto será negociado, e “nunha merma da calidade coa que se imparten as clases debido ao seu carácter provisional. Por iso xa adiantamos que formularemos varias preguntas, ao respecto, coa fin de coñecer cales foron, nesta ocasión, os atrancos que impediron renovar con axilidade a adxudicación”, conclúe Cristina Pérez.