Palés e pedras, a solución do goberno para selar as arquetas da Abella

“Un valo e unha pedra non é unha solución senón unha chapuza”.

A portavoz do Grupo Municipal repróchalle ao goberno que logo de tres anos advertíndolles dende Lugonovo da existencia das arquetas da Abella só foran quen de adoptar unha medida provisional pero non de erradicar o problema de inseguridade que ocasionan.

“Levamos dende setembro de 2015 denunciando esta situación. Falamos de pozos que teñen case un metro de ancho e o triple de fondo o que as convirte nunha considerable ameaza para a poboación, polo que esiximos que se pechen definitivamente”, refire Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da agrupación explica que estas tubaxes se atopan nas proximidades dun sendeiro peonil, carente de alumeado polo que o “apaño enxeñado polo executivo” non resulta nin acertado, nin pertinente e moito menos eficaz”.

“Calquera que camiñe pola zona despois do solpor pode tropezar e mancarse. Non hai nada que impida desprazar as lastras que se colocaron e mesmo os palés e os valados que se puxeron debaixo poden propiciar caídas polo que estes fosos seguen a ser unha perigosa trampa para a cidadanía”, insiste Pérez Herráiz ao tempo que insta ao equipo de goberno a actuar con seriedade e clausuralas de forma permanente “antes de que alguén resulte ferido de gravidade e logo o Concello teña que asumir responsabilidades moito máis severas que a de executar unha obra tan simple”, conclúe a portavoz de Lugonovo.