O Miño: un dos maiores patrimonios locais que cómpre poñer en valor

Lugonovo levará ao vindeiro Pleno unha proposta para que o Concello deseñe e desenvolva un plan de actuación coa fin de poñer en valor o Miño, de salientar a súa versatilidade e riqueza medioambiental ademais de mellorar o seu coidado, facendo partícipe desta tarefa á cidadanía e diversificando a oferta de ocio e lecer municipal.

“Dende Lugonovo cremos que cómpre facer unha reinterpretación dos usos actuais do río así como das posibilidades que ofrece, en tanto que a lectura ecolóxica do territorio, en consonancia co grao de protección que ten recoñecido este espazo, permite non só sacarlle moito máis rendemento público senón tamén convertelo nun referente da convivencia local, de maneira que o seu desfrute e o  compromiso sobre a súa conservación sexan un mesmo sentimento compartido entre toda a veciñanza”, sinala Víctor Álvarez Arias.

Entre as actuacións a desenvolver, o edil da formación apunta a creación dun xardín botánico con arboreto de plantas útiles como as especies medicinais, a restauración das construcións fluviais deterioradas, a recuperación dos percorridos en batuxo e de zonas de pesca, a realización de obradoiros didácticos e mesmo de visitas escolares guiadas, así como a instalación, en distintos emprazamentos da cunca fluvial, de paneis informativos que dean a coñecer a valía natural desta área incrementando o seu  atractivo para a veciñanza e o turismo.

“A identidade do Miño debera ter un papel transcendental no proxecto de cidade que a vixente e as próximas Corporacións deseñen para Lugo, por ser este un nó de conexión entre os habitantes e a súa contorna.  Sen embargo, cremos que materializar este obxectivo non depende só de contar con infraestruturas viarias axeitadas senón que, ao noso entender, esixe tamén dun plan de dinamización multidisciplinar e sostible que propicie, para a súa posta en marcha, a cooperación institucional e priorice a responsabilidade social das administracións. E a iso é ao que apelamos con esta moción”, conclúe Álvarez Arias.