A cidade está inmobilizada (I)

Non hai outra palabra. En materia de mobilidade, os últimos catro anos foron algo peor que tempo perdido. Non só non se aproveitou o mandato para desenvolver unha política de transporte e mobilidade ambiciosa e coherente cos tempos (isto é, xeograficamente integradora, responsábel co medio ambiente e cómoda e útil para o usuario), senón que se optou por medidas regresivas que empeoraron a situación de partida.

É necesario lembrar que a última reforma do transporte público na cidade tivo lugar no ano 2000, modificada só, puntualmente, coa posterior posta en funcionamento do HULA. Un servizo, pois, cada vez máis anacrónico que ten rexistrado nestas case dúas décadas unha caída de aproximadamente 600.000 usuarios. A xestión do goberno durante estes últimos catro anos non resolveu o problema. Aínda que foron varias as ocasións en que se falou de remodelar o servizo, seguiu sendo ata o día de hoxe unha promesa baleira sen que nunca se teñan recoñecido os motivos desta parálise.

O sentido común reclama un sistema de transporte que ligue entre si e co centro os barrios da cidade nun intervalo de tempo razóabel”

Para Lugonovo, é obvio que Lugo necesita un transporte público áxil, eficaz e moderno. Igual que no 2000, cando a remodelación se centrou no entorno da Universidade, a actual renovación debe seguir un fío condutor coherente e adecuado aos tempos. Neste caso, o sentido común reclama ligar os barrios da cidade co HULA. Este servizo debe perseguir un transporte que una adecuadamente os polígonos industriais coa Universidade, o centro e o HULA nunha rede de comunicacións que permita moverse dende cada un destes puntos a outro nun intervalo nunca superior aos 20 minutos.

Tan importante como saber xestionar o transporte público é facer o propio co tráfico en vehículos privados. Precisamente, a mellora do servizo público pode fortalecer a demanda deste e reducir o uso de coches en circulación, coas evidentes consecuencias positivas sobre ordenamento do tráfico, emisión de gases e coidado do medio ambiente. Porén, a actuación deste goberno nese ámbito foi nun sentido completamente contrario. A supresión provisional -e, polo que vimos despois pero xa daquela sospeitabamos e denunciabamos, crónica- da ORA foi unha idea desastrosa para o pequeno comercio, a vida diaria da veciñanza e mesmo a nivel medioambiental. Esta medida escasamente meditada puxo na rúa centos de vehículos que conforman un tráfico ocioso e inútil, segundo unha cultura do desprazamento que contempla o uso do coche para percorrer distancias ridículas. Hoxe en día existen áreas da cidade nas que, en consecuencia, resulta imposíbel estacionar a certas horas, como poden ser as proximidades dos centros de ensino.

En breve, continuaremos falando de cal é a alternativa de Lugonovo para a hora e outros problemas de transporte na cidade.

Xosé Anxo Laxe