O Concello de Lugo aínda sen rexistro telemático logo de 4M de euros en modernización dixital

Lugonovo pregunta para cándo conta poñer en marcha o goberno un rexistro telématico que facilite á poboación a tramitación municipal.

“O feito de non ter que desprazarse ás dependencias do Concello para cursar calquera solicitude ou instancia propicia a universalización dos recursos públicos. E, pola contra, a súa ausencia está a supoñer un considerable atranco para que as prestacións e os servizos estean, verdadeiramente, ao alcance de toda a cidadanía”, sinala Victoria Esteban Riesco.

A edil da formación pon como exemplo o imperativo de ter que acudir presencialmente, e só de nove da mañá a unha do mediodía, aos centros de convivencia da cidade para inscribirse nas actividades socioculturais.

“Non todo o mundo pode saír do traballo cando quere para resolver asuntos particulares; e que non estean habilitados outros mecanismos para efectivizar a matrícula mingua drasticamente as opcións de participación desas persoas”, advirte sinalando que, entre as queixas deste mes, aínda que esta non é a primeira vez que se presenta, figuran as dificultades para anotarse, por este mesmo motivo, nos cursos de natación.

Esteban Riesco tacha de “inaceptable” as eivas en materia de alfabetización dixital que arrastra a administración local, logo de levar investidos máis de catro millóns de euros ao respecto durante a última década.

“En moitos dos departamentos municipais a xestión áxil e eficaz semella unha quimera precisamente polas carencias que padecen en materia de modernización electrónica, incumprindo o que, asemade, é un imperativo legal”, refire a concelleira de Lugonovo.

A tramitación en liña é, dende hai moito tempo, un procedemento cotián noutras moitas localidades. “A petición de licenzas, bonificacións e mesmo o acceso á documentación do arquivo a través do portal web está a orde do día noutras urbes, mentres que en Lugo continúa, inexplicablemente, a anos luz de volverse unha realidade”, conclúe Victoria Esteban.