Lamentamos que o goberno só xestione baixo ameaza xudicial

“A neglixencia deste goberno non podería ser máis absoluta”. Cristina Pérez Herráiz atribúelle ao executivo unha “irresponsabilidade sen límites” por facer caso omiso das advertencias que Lugonovo lle leva tres anos facendo sobre as irregularidades que se sucedían no contrato para a explotación publicitaria das marquesiñas do bus.

“Parece ser que ata que non hai unha ameaza real de xudicializar os procesos a señora Lara Méndez é incapaz de reaccionar nin aos requirimientos dos técnicos nin ás apreciacións doutros grupos políticos”, lamenta a portavoz da formación.

Pérez Herráiz lembra que foi Lugonovo o primeiro en interpelar ao equipo de goberno sobre esta cuestión, “cunha pregunta escrita en setembro de 2016 que nunca obtivo resposta. A continuación, fixemos toda unha serie de apercibimentos públicos pedíndolle ao executivo información e, sobre todo, que corrixise o rumbo da súa xestión. Con coñecemento de causa, logo de consultar o expediente ao completo en marzo do ano pasado, chegámoslle a preguntar por qué seguía a consentir que unha empresa se lucrara gratuitamente das propiedades municipais. Pero tamén, daquela, houbo silencio”.

A voceira da agrupación sinala que a referida concesión expirou en setembro de 2016 pero a compañía que xestionaba o servizo segue operando aínda, sen aportar ningunha contraprestación a cambio.

“Segundo datos estimados pola axencia Oblicua, na capital hai asentados ao redor de 40 dos referidos soportes. O sector local taxa nun mínimo de 150 euros o prezo no que se comercializa a instalación de anuncios en cada unha das súas caras, o que quere dicir que Clear Channel, actual beneficiaria da prebenda, percibe mensualmente uns 12.000 euros por dispoñer, sen contrato, dos espazos propagandísticos que existen na cidade”, advirte Cristina Pérez.

Se esta cifra se multiplica polos 27 meses que leva caduca a licitación, o importe supera os 324.000€, que son, á baixa, os cartos que a adxudicataria se tería embolsado, de balde, co beneplácito do goberno. “É dunha conivencia tan escandalosa que non é preciso sequera inflar ficticiamente este importe para alertar da súa gravidade”.

A portavoz de Lugonovo continúa: “Non só implica un importante prexuízo para o Concello, en canto á perda de ingresos que supón, senón que tamén posibilita que un negocio particular se enriqueza a costa de apropiarse do mobiliario urbano. Un mes, dous, pode pasar… pero 27 … tanta incuria dá que pensar – conclúe Cristina Pérez Herráiz – aínda que, seguramente, agora acabe tendo que ser a xustiza a que lle poña outro cualificativo a este proceder vergoñento do executivo municipal”.