Camiño de Sisulles: 140 metros e 140 pozas

Imposible atravesar a pé o tramo inicial desta vía sen coller unha molladura. Situada á entrada da Avenida Benigno Rivera, o Camiño de Sisulles leva trazas de converterse nunha auténtica piscina municipal por falta de mantemento.

“Toda a estrada, que apenas alcanza medio quilómetro de lonxitude, está feita un desastre. Especialmente ao comezo, o pavimento está tan deteriorado que, alí onde non é grixo, xa deixou paso directamente a un foxo de dimensións considerables no que a auga se acumula de forma permanente en canto chove até o punto de anegar os accesos e dificultar o seu tránsito”, explica Víctor Álvarez.

O edil de Lugonovo faise eco, así, das queixas da veciñanza da zona que, logo de remitir varios escritos ao Concello para reclamar o arranxo da pista, asegura sentirse completamente ignorada polo goberno local.

“Son moitas as persoas que frecuentan esta calzada, ben porque viven nas inmediacións, ben porque traballan nas naves ás que da servizo ou ben porque aparcan nela cando non hai estacionamentos libres na contorna do polígono do Ceao, polo que instamos ao executivo a reparala canto antes coa fin de atender ás reclamacións da cidadanía e impedir que se agrave o seu estado de conservación… A non ser que teñan ideado deixar emerxer aquí un novo couto de pesca que conecte co humidal das Gándaras”, ironiza Álvarez Arias ao tempo que anuncia que a formación presentará un rogo, ao respecto, na próxima Comisión de Medio Rural e Infraestruturas.