A cidade está inmobilizada (II)

O fracaso da política sobre a ORA en Lugo é outra boa proba de que o goberno local non se relaciona cos actores sociais da cidade. A súa posición isolacionista agrava unha situación que sería máis doado resolver a través dun proceso de diálogo cara a un sistema ORA consensuado, que contemplase unha primeira hora gratuita a fin de ser percibido como un mecanismo de harmonización do tráfico e non unha medida simplemente recadatoria.

E nunha cidade onde non se aparca por culpa da situación da ORA, a alternativa está nos aparcadoiros. E, por non variar, o caso lugués pode entrar no libro Guiness dos records -negativos-. O tamaño das prazas, desregulado pola inacción dun goberno que mira para outro lado, segue a ser fonte de conflitos diarios e permanentes. Ante esta situación, o executivo local limítase vender titulares -coa máquina do fume preparada xa neste ano electoral- sen acometer reforma ningunha nin formular a necesidade de racionalizar o tráfico.

Unha ORA que harmonice o tráfico, coa primeira hora gratuíta, contribuiría a arranxar os problemas

Especialmente urxente é racionalizar o uso do vehículo profesional, que debe ser compatibilizado co dereito da cidadanía a desfrutar dunha cidade peonil. Non pode seguir sucedendo, como ata agora, que as normativas e horarios sobre carga e descarga sexan un adorno nas rúas sen aplicación práctica. Lugonovo entende que unha cidade dinámica como a nosa precisa permitir o estacionamento a vehículos profesionais para cargar e descargar produtos, materiais e mercadorías, e por iso defende a necesidade dun novo horario de carga/descarga pactado a través dun acordo amplo e efectivizado de forma que a cidadanía poida convivir no espazo público sen estorbos.

En xeral, na xestión do tráfico, estacionamento e transporte público, en materia de mobilidade, este goberno merece un suspenso rotundo e sen posibilidade de revisión, agravado polo esperpento que aínda estamos a vivir en relación coa Policía Local. Ten mérito tanto demérito.

Xosé Anxo Laxe