Tres anos de goberno, tres anos de retroceso na mobilidade local

O Grupo Municipal Lugonovo, xunto a simpatizantes da Plataforma, realizaban esta mañá un acto simbólico de protesta ás portas do parking de Santo Domingo para denunciar a situación de inmobilidade que afecta a toda a capital.

Provistos de fotografías que reflectían os principais problemas que sofre a veciñanza lucense á hora de desprazarse pola cidade, reprocháronlle ao executivo local que, nestes tres anos e medio de mandato só puxeran en marcha medidas regresivas que empeoraron a situación inicial.

“A cadea de despropósitos comeza no mes de xullo de 2015 cando a alcaldesa anulou o sistema ORA, semella que sen meditar e guiada pola impulsividade como se demostra no feito de que aínda agora esta solución que ía ser temporal se teña convertido en crónica”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

“Foi unha idea desastrosa, que prexudicou ao comercio, ao desenvolvemento da vida e da actividade cotiá e tamén ao medioambiente pola cantidade de tráfico ocioso e inútil que propiciou. Xa sen regulamento para estacionar en superficie, afanouse en vender titulares que, hoxe se demostra, non foron nada máis que fume: unha remodelación das liñas do transporte urbano que incluía a súa modernización informática e da que nunca máis se soubo, unha modificación da normativa e horarios que rexen as tarefas de carga e descarga que segue sen chegar e, como non, unha ampliación das prazas de aparcamento soterrado que continúa sen producirse”.

“Pola contra – insiste a portavoz de Lugonovo – o que temos son complicacións en todas e cada unha destas frontes. Nos parkings, é posible estacionar, pero non abrir as portas e saír do coche, xa non con comodidade senón sen ter que facer contorsionismos. En canto ao bus, xa só para coñecer os seus percorridos e horas de paso cómpre cargar cun dossier de 17 páxinas tamaño folio e, no que ten que ver co ordenamento da circulación, ao caos que xa padeciamos hai que engadirlle agora o conflito aberto coa Policía Local que minguou aínda máis a presenza de axentes nas rúas o que favorece que se cometan todo tipo de infraccións… dende deixar os turismos en dobre fila, en zonas reservadas a persoas con diversidade funcional, diante dos vaos, etc, etc…”

“Unha longa lista de deméritos que atribuír a xestión desenvolvida por este goberno socialista que parece estar empeñado en facer de Lugo un municipio incómodo e pouco habitable para a súa poboación”, lamenta Pérez Herráiz.

“Hoxe estamos aquí para lembrarlles que queremos saber ónde quedaron todos estes proxectos para os que, polo visto, só se investiu en publicidade pero o que verdadeiramente nos gustaría sería que a mobilidade do Concello non estivera comprometida pola inoperancia deste executivo, incapaz de atender ás demandas da cidadanía e de corrixir as eivas que eles mesmos contribuíron a xerar”, conclúe a voceira de Lugonovo.