3 de marzo: Por todas as mulleres, por todos os dereitos. Revolta Feminista

O vindeiro 3 de marzo o feminismo volve ás rúas. En Galicia será Lugo a cidade que acolla unha manifestación que baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos. Revolta Feminista” reivindique a vixencia do sentido común: somos seres humanos con dereitos emanados desa condición e sistematicamente pisoteados, dende hai séculos, pola nosa posición na estrutura social, vinculada ao noso xénero. Somos esa parte da humanidade deshumanizada.

A manifestación do domingo 3 de marzo servirá como preludio da xornada do 8. Ese día, novamente, paros laborais e unha folga de coidados e consumo poñerán sobre a mesa as demandas do feminismo, as reivindicacións políticas -no sentido máis amplo da palabra- para mellorar a vida das mulleres. Temos o reto de repetir o éxito rotundo do ano pasado nun momento onde a presión política en contra da igualdade de dereitos e liberdades medra ao amparo dos discursos que pretenden edulcorar o machismo de toda a vida baixo un falso “estado normal das cousas” ou “sentidiño”. A pesar diso, as nosas reivindicacións non se deteñen: está en xogo corrixir unha desigualdade que marcou toda a nosa historia.

O feminismo é hoxe o movemento que máis abertamente cuestiona o estado das cousas

Hai motivos dabondo para poñer no centro do discurso político a axenda feminista. Ás barreiras laborais e sociais de todo tipo, ben visibles no famoso teito de cristal e na titularidade e postos de direccións da maioría de empresas de calquera sector, súmase unha violencia estrutural que, na súa faceta máis crúa, deixou un ronsel de case mil mulleres asasinadas en década e media no Estado. A situación convive co abandono institucional de calquera tipo de traballo pedagóxico a prol da igualdade, coherente con institucións educativas de todo tipo que se absteñen dun labor necesario que debera ser constante, coma o vento e a chuvia, para ir erosionando o granítico machismo que impregna todo. A falta de formación en perspectiva de xénero é, sen ir máis lonxe, a responsable das peores escenas que se viven nos xulgados en casos de violencia de xénero. As institucións teñen, pois, un papel importante, xunto co traballo asociativo na rúa, para mudar a opinión pública e incidir naqueles espazos privados onde un cambio no modo de pensarnos, entendernos e relacionarnos é urxente.

Sobran motivos para enchermos a rúa o día 3

Fronte a hexemonía dunha concepción masculina da política -masculina nun sentido cultural, ligada aos valores de dominación, agresividade e control-, o feminismo é o movemento social que máis claramente impugna hoxe os alicerces do status quo, ese mesmo que divide a humanidade entre o privilexio e a desposesión. E non por casualidade son mulleres as que, integrando o feminismo como unha ferramenta máis na acción política, encabezan hoxe no Estado algúns dos movementos políticos máis avanzados para mellorar as condicións de vida de todas as persoas. Urxe repensar a política, e o feminismo ten moito que dicir nese (re)pensamento.

Vémonos o día 3 na rúa.

Neves Núñez Delgado