E os estacionamentos disuasorios dos que presume o goberno… ¿para cando?

¿Como avanza a creación dos aparcamentos disuasorios? É a pregunta que se fai Lugonovo despois de comprobar que ningunha das parcelas que ían ser destinadas a este fin se atopa totalmente rematada a pesar de terse cumprido xa o prazo de execución.

“O contrato, que se formalizou en agosto de 2018, prevía 5 meses para acometer a intervención. Un tempo que xa expirou e que, á vista dos resultados, non foi suficiente para acabar de acondicionar eses terreos. Queremos saber por qué”, inquire Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación sinala que o estado no que se atopan os predios dá a pensar que puido haber algún atranco que obrigou á paralización das obras.

“Non hai ningún estacionamento que estea totalmente finalizado. A maioría son, a día de hoxe, unha réplica do leiraparking do Hula. Unha extensión de terra, convertida en lameira polas chuvias. É o caso dos da Rúa do Buxo e Alcalde Manuel Portela. Nestes, coma no de Reverendo Xosé Fernández Núñez tampouco se fixo aínda o rebaixe da beirarrúa para darlles acceso”, refire Pérez Herráiz.

“En Paradai de Arriba a maquinaria fica paralizada – abonda a voceira-  e no de Jacinto Calvo Senador a superficie segue a medio explanar. Nada se sabe, asemade, da ubicación do proxectado no estudo técnico ao seu carón, na Rúa Pedro González López”.

A candidata de Lugonovo ás próximas eleccións municipais advirte ademais do perigo que supón a utilización do soar sito en Alcalde Xosé Novo Freire, sen que o recinto estea completamente habilitado. “O aparcadoiro, ao que xa recorren moitos condutores, garda un pronunciado desnivel con relación á parte peonil da calzada e, agora mesmo, non hai nada que, ante un despiste ou un accidente, impida que se precipiten polo terraplén, polo que instamos ao executivo a instalar canto antes un valado, aínda que sexa provisional, que sirva de advertencia e como medida de protección”.

Cristina Pérez adianta que a formación preguntará nas vindeiras Comisións de Pleno polos traballos que quedan pendentes ao tempo que lamenta a actitude do goberno, “máis preocupado por lavar a súa imaxe que por solventar os problemas de mobilidade que afectan ao Concello. Dende logo se definen así mesmos cando no canto de contestar con feitos, como non poden,  o fan con descualificativos ou botando as contas da leiteira, presumindo de dotacións que, coma estas, aínda non entraron en servizo, nin se sabe cando o farán, porque están a medio construír. Claro que para mostra da súa efectividade o botón que temos en San Cibrao que para deixar o coche non serve agora que, como arrozal, lle agarda un gran futuro”, conclúe a portavoz.