Lugo, a única capital galega na que non se permite depositar cristais de ventás no Punto Limpo

Todas as capitais de provincia de Galicia autorizan o depósito de cristais de ventás nos seus respectivos Puntos Limpos, agás Lugo.

“Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra e tamén Ourense, onde se establece un tope de cinco unidades por día, aceptan a entrega de xanelas nas súas instalacións. Lugo non e queremos saber por qué”.

Así o traslada Víctor Álvarez Arias quen se interesou por esta prohibición despois de recibir varias queixas de particulares aos que non lles foi permitido deixar este tipo de residuos na planta do Ceao.

“Mesmo o Concello de Palas de Rei facilita este trámite e, non só iso, senón que tamén o publicita na súa páxina web, cousa que en Lugo non acontece. No portal municipal figura unha táboa co tipo de materiais e as limitacións en número e peso dos mesmos, que se admiten, ou non, no Punto Limpo pero entre eles non constan as fiestras. As reclamacións que nos achegou a cidadanía facían referencia tamén ao seu malestar polo feito de que, unha vez alí, tampouco se lles proporciona ningunha indicación sobre como xestionar esta clase de refugallos”, denuncia o edil de Lugonovo.

O concelleiro apunta que cristal e vidro non son o mesmo e que a súa composición obriga a tratamentos diferenciados. “Un debe ir ao colector verde e o outro ao depósito gris destinado a obxectos biodegradables que non teñen encaixe nos doutra cor. Sen embargo, en Lugo non é posible desfacerse deles nin nas dotacións a pé de rúa nin tampouco noutras dependencias municipais. Unha eiva que, dende Lugonovo, entendemos se debera emendar ou, cando menos, compensar cunha información axeitada que anime á poboación a seguir reciclando ou, tan sequera, intentándoo”.

Por iso, dende a formación, adiantan que presentarán unha batería de preguntas na próxima Comisión de Desenvolvemento Sostible coa fin de coñecer as causas desta restrición e que solicitarán ao equipo de goberno que inste á concesionaria a mellorar o servizo e a atención ao público que se dispensa.