Obra feita… cartel fóra!

Son ducias os letreiros que, anunciando obras xa rematadas, seguen a ocupar os espazos públicos da cidade. Non cumpren ningunha función, salvo a de entorpecer a mobilidade e afear a contorna ao tempo que poñen de manifesto o escaso interese institucional pola estética da paisaxe urbana.

“A maioría destes carteis sinalizan traballos que xa remataron ou mesmo que non se chegaron a acometer. Que sigan en pé, en moitos casos anos despois de finalizar a intervención ou de que prescribiran os permisos para levala a cabo, implica unha publicidade gratuíta para os promotores e denota moi pouca sensibilidade e preocupación pola imaxe de desleixo que reflicte a cidade”, advirte Víctor Álvarez Arias.

O edil de Lugonovo subliña que algúns destes anuncios se atopan nun estado de conservación tan pésimo que, nunha situación de meteoroloxía adversa, poden chegar a comprometer a seguridade cidadá, “polo que, unha vez máis, instamos ao goberno a facer un inventario de todos estes soportes xa caducos e a retiralos de forma inmediata das rúas”.

Álvarez Arias urxe, ademais, á conclusión da normativa municipal que rexe a instalación dos valos publicitarios ao considerala fundamental e moi necesaria.

“Non sabemos por qué motivo a redacción desta ordenanza se demora tantísimo pero hai moitos aspectos relacionados con ela que merecen dunha pronta solución. Ademais do indicado hoxe, un dos máis relevantes é o de poñerlle freo aos contidos sexistas coa fin de poder vetar a difusión de mensaxes que constitúan un prexuizo para os dereitos individuais e a consideración de xénero así como a súa mercantilización”, conclúe o concelleiro de Lugonovo.