Tamén este 8 de Marzo TODAS á rúa!

Lugonovo solicitará no vindeiro Pleno Municipal o apoio da Corporación á folga feminista do 8M.

“Pedimos, ademais, que o Concello elabore unha declaración institucional a favor das reividicacións nas que se sustenta a folga, que, como acto simbólico, se pendure da fachada da Casa Consistorial a bandeira feminista e que se faciliten os medios dispoñibles para favorecer a celebración dos eventos e accións que se convoquen”, explica a portavoz.

“Raro é o día que non hai unha nova sobre algunha agresión, ameaza ou vulneración dos dereitos contra as mulleres. Nos últimos 16 anos, 975 foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. A conclusión é clara: o machismo mata, mais o asasinato é só a punta do iceberg, a manifestación máis letal. Hai outras moitas condutas, accións ou omisións que resultan unha expresión da violencia de xénero e que reflicten que a desigualdade entre mulleres e homes segue presente dende unha base estrutural: os esquemas machistas e patriarcais que aínda imperan na nosa sociedade. A feminización da pobreza, a precarización das condicións laborais, a cultura da violación ou os roles de xénero hexemónicos que limitan a capacidade de decisión das mulleres son tamén ataques cos que todas convivimos e contra os que cómpre loitar tamén dende as institucións”, asegura  Cristina Pérez Herráiz.

A formación lembra que as desigualdades maniféstanse en múltiples ámbitos e contextos, sendo nalgúns casos máis evidentes e noutros máis sutís ou invisivilizados. E sinala que no eido laboral son de destacar a fenda salarial entre xéneros (cunha diferenza dun 22% xa que mentres as mulleres cobran unha media 15.730€ ao ano, os homes gañan 20.243€), o teito de cristal, o acoso, etc. Asemade, as mulleres representan o 65% da poboación mundial que, tendo acadado as idades previstas pola lexislación para percibir unha pensión de xubilación, non a reciben. E, no ámbito dos coidados, asumen sempre unha carga desproporcionada de traballo non remunerado.

“O 8 de marzo pasado, Día Internacional das Mulleres, tivo lugar unha mobilización sen precedentes contra a desigualdade de xénero en todas as súas vertentes.  Por primeira vez no noso país, levábase a cabo unha folga feminista (de coidados, de consumo, estudantil e laboral), co obxectivo de visualizar que, se para o traballo produtivo e reprodutivo das mulleres, para o mundo”, sinala a voceira.

“Os motivos para sumarse tamén este ano ao paro sobran. Porque non podemos consentir retrocesos e ameazas expresas como as que estamos a ver nestes momentos, onde as mulleres e os seus dereitos son empregados como moeda de cambio. A igualdade tamén debe rexer a acción política para avanzar nunha sociedade máis inclusiva e xusta. Dende Lugonovo cremos que se trata dunha cuestión esencial que nos concirne a todas e todos”, conclúe Pérez Herráiz.