Como combate o Concello a fraude fiscal?

Lugonovo vén de preguntarlle ao goberno cantas e cales foron as accións de comprobación e investigación desenvolvidas pola administración local nos últimos anos para certificar o cumprimento das ordenanzas municipais.

“Queremos que o executivo nos confirme que non só se están a elaborar os correspondentes Plans Anuais de Control Tributario aos que obriga a lexislación senón tamén que nos refira o número de inspeccións que se realizaron nestes tres exercicios e cal foi o seu resultado”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz lembra que a formación xa advertira, en 2016, de importantes eivas nesta materia, cando Lugonovo detectara que, por esta cuestión, se perdía máis dun 25% da recadación e que a institución levaba máis de tres décadas sen supervisar o pago de impostos por parte das compañías eléctricas polo que resultaba preciso verificar, canto antes, se a facturación que recoñecían se correspondía co volume de negocio real que obtiñan.

“Gustaríanos saber se, despois da nosa denuncia, o equipo de goberno actuou en consecuencia, deu orde de que se incrementara a vixilancia e sobre todo, cales foron as conclusións desas pescudas. Somos moi conscientes de que a escaseza de persoal limita moito o traballo dos servizos pero tamén entendemos que hai asuntos cruzais que cómpre atender e sobre os que non se poden regatear esforzos”, sinala Pérez Herráiz ao tempo que lamenta a falta de vontade do executivo para poñer en marcha o Plan de Loita contra o Fraude aprobado polo Pleno da Corporación en febreiro do 16, hai xusto tres anos, a proposta de Lugonovo.