Non eran Orzamentos para Lugo

O rexeitamento do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado confirma que este naceu con serias carencias que afectaban negativamente a infraestruturas e proxectos da nosa cidade e da provincia. A desatención en materia de comunicacións, como é o caso das autovías A54 a Santiago e a A56 a Ourense ou da liña ferroviaria ata esta última cidade, así como a infrafinanciación de proxectos coma o CETAL, evidenciaban que nos atopabamos fronte a unhas contas abstraídas da realidade luguesa.

O proxecto ignoraba as necesidades da cidade

Ante a previsíbel convocatoria de novas eleccións, Lugonovo chama a todos os partidos políticos, independentemente da súa posición ideolóxica lexítima, a asumir unha serie de valores compartidos coma os propios da democracia e por tanto irrenunciábeis nunha sociedade avanzada. Valores como a igualdade de dereitos entre todas as persoas, a inclusión social, o pluralismo ideolóxico, a pluralidade lingüística, ou o respecto cara ás minorías e os colectivos máis desfavorecidos teñen que seguir sendo consubstanciais ás forzas políticas que aspiren a gobernar calquera sociedade.

O goberno do Estado imita ao de Lugo á hora de querer cargar a outros as culpas dos seus actos

O Goberno do Estado mostrouse insensíbel ás demandas para modificar o proxecto e sumar forzas para o voto afirmativo que procuraba. Non contento con isto, utiliza a posíbel convocatoria de eleccións xerais como medida de presión contra outros grupos. A vontade do PSOE de cargar o custo dos seus erros sobre terceiros lémbranos á actitude que presenta de forma cotiá no noso Concello. Lugonovo entende que esa actitude só beneficia ás forzas que ata agora fixeron bandeira da austeridade, a degradación social e o recorte de dereitos e liberdades.