Tamén á hora de executar… máis vale tarde ca nunca!

“As nosas máis sinceras felicitacións a este equipo de goberno por incorporar á súa axenda de traballo outra das propostas achegadas por Lugonovo durante este mandato”.

Cristina Pérez Herráiz traslada a noraboa da formación ao executivo local por aproveitar outra das iniciativas presentadas por Lugonovo, neste caso para mellorar a imaxe e conservación do Camiño Primitivo.

“Esta agrupación leva reclamando, dende que chegou á Corporación, maior compromiso e atención das administracións públicas para corrixir a fealdade e os desastres urbanísticos que acompañan ao Camiño Primitivo ao longo do seu traxecto polo termo municipal. O noso programa xa pulaba por actuacións como o incremento da sinalización da vía así como a súa rehabilitación ao tempo que instábamos a revalorizar aqueles espazos que tanto estética como patrimonialmente se atopaban máis degradados;  sinalábamos como exemplos a Calzada da Ponte ou a ponte na Rolda do Carme suxerindo que se facilitara a realización de diversas instervencións artísticas sobre elas ou que se permitira a instalación de lonas decorativas nas edificacións máis deterioradas”, indica a portavoz de Lugonovo.

“Estamos moi satisfeitos – engade Pérez Herráiz – de que as nosas ideas teñan tan boa acollida por parte do goberno e sobre todo porque, aínda que sexa en tempo de desconto, este amose a súa intención de executalas. Demostra que o noso proxecto de cidade resulta atinado e atractivo e, cun pouco de vontade política, tamén factible e viable. Mágoa que este executivo só atope motivación para defender os intereses do concello cando se achega a campaña electoral”, conclúe a voceira de Lugonovo.