O anuncio de novos orzamentos municipais, unha pantomima electoral.

“Non é máis ca unha pantomima”. Así é como se refire a portavoz de Lugonovo á presentación, esta mañá, dos orzamentos municipais para 2019.

“Un acto electoral e publicitario – cualifica Cristina Pérez Herráiz – que, coma todo o que anuncia esta alcaldesa, quedará reducido a fume”.

A voceira da formación reprocha, en primeiro lugar, que o equipo de goberno “nin sequera tivera o respecto institucional suficiente como para trasladarlle, primeiro, á oposición un avance do documento, o que xa demostra a pouca vontade que teñen de negocialo e, polo tanto, de aprobalo para poder desenvolvelo”.

“Hoxe, tamén a nós, nos gustaría poder estar falando das partidas económicas que contempla este presuposto, dos proxectos e das inversións que inclúe pero non podemos porque non as coñecemos. Unha circunstancia que pon de manifesto, por unha banda, a escasa consideración que este executivo ten para coa maioría da cidadanía, que – cómpre lembrar –  foi xusto a que non os votou e, pola outra, que volverán recorrer á mesma manobra que o ano anterior: culpabilizar ao resto dos grupos da Corporación para tratar de xustificar así a súa incapacidade de xestión”, di Pérez Herráiz.

“Se a señora Lara Méndez tivera previsto executar estes orzamentos o texto tiña que estar xa sobre a mesa de todos os partidos hai bastante tempo. Concretamente dende o pasado setembro, permitindo así que o procedemento se axustase aos prazos estipulados con vistas a entrar en vigor o 1 de xaneiro”, advirte a candidata de Lugonovo ás próximas eleccións municipais.

“Sen embargo – lamenta Cristina Pérez – despois de tres intentos, este goberno segue instalado na arrogancia e sen compasarse aos requirimentos que conleva o proceso de tramitación e que pasan, ademais de polo diálogo, por un percorrido de emendas, debate e aprobación, exposición pública e resposta a posibles alegacións que poden demorar a súa aplicación, cando menos, un trimestre. Presentalos agora, a mediados de febreiro e con estas formas, non é máis que a evidencia máis descarada da súa soberbia como dirixentes políticos e de que non teñen intención real de que prosperen”, conclúe a portavoz de Lugonovo.