Un paso adiante nas políticas de inclusión laboral das persoas con diversidade funcional

Segundo os últimos rexistros publicados, no termo municipal de Lugo están censadas 6991 persoas con algún tipo de diversidade funcional. Un segmento da poboación suficientemente amplo e importante que representa a case o 7% das e dos lucenses e que precisa, segundo Lugonovo, do apoio de tódalas administracións públicas para favorecer a súa inclusión no mercado laboral.

“Os últimos datos que recolle o Instituto Nacional de Estatística revelan que Galicia é a comunidade autónoma coa menor taxa de actividade deste colectivo de toda España, cunha cifra que ronda o 28’2%,  seguida polo Principado de Asturias (29’8%) e por Canarias (30’1%). Índices moi baixos que, consideramos, cómpre reverter para o que resulta necesario un maior compromiso institucional e empresarial”, subliña Cristina Pérez Herráiz.

A formación solicitará no vindeiro Pleno que a Corporación inste a tódalas administracións públicas a acatar e defender o cumprimento do marco legal (artigo 42 do Real Decreto Lexislativo 1/2013m de 29 de novembro) no que se establece que calquera empresa que empregue un número de 50 ou máis traballadores está obrigada a reservar, polo menos, 2 de cada 100 postos a persoas con diversidade funcional, “dado que se trata dun imperativo que, na actualidade, non se respecta até no 80% dos casos – advirte a voceira. E pediremos tamén que Xunta, Deputación e Concello esixan a esas compañías a presentación dunha acreditación que certifique a reserva desta cota, ou das medidas alternativas, para poder acceder a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais. Trátase de sumar esforzos e pular, todos xuntos, pola consecución dunha integración real“, conclúe a portavoz de Lugonovo.