Espazos para a convivencia cidadá… limpos e ben conservados!

Lugonovo solicita a instalación de alumeado no paseo Daniel Varela.

“Unha vez que saes da Praza do Cantiño e ao longo de todo o seu percorrido pola cara interior da Muralla, non hai ningún elemento que aporte algo de claridade ao camiño. Unha circunstancia que, por unha banda merma o aproveitamento deste espazo durante o inverno, cando hai moitas menos horas de luz, mentres que, pola outra, incrementa a inseguridade, sobre todo tendo en conta a cantidade de deficiencias que presenta o pavimento, cheo de gretas, foxos e charcos”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz adianta que a formación presentará un rogo ao respecto instando ao executivo a dotar este recinto dalgún sistema de iluminación ao tempo que se mellora o seu acondicionamento.

“De nada serve crear un lugar de encontro e esparcimento para a cidadanía se logo se descoida a súa conservación até o punto que a estancia nel resulte desagradable e mesmo insalubre”, lamenta a voceira de Lugonovo en alusión ao estado no que se atopa o chan amortecedor de moitos parques infantís, especialmente o sito na Fonte dos Ranchos.

“Convidamos ao equipo de goberno a analizar calquera anaco pequeno dese firme e a descifrar a carga de bacterias e xermes que contén. A simple vista parecera que algunha das instalacións nunca unha mangueira de auga vira e cómpre non esquecer que se trata de zonas frecuentadas, maioritariamente, por nenas e nenos pequenos”, advirte Pérez Herráiz.

A agrupación pedirá, asemade, que se incremente a supervisión ao contrato, asinado a finais de 2016, para a conservación integral das 73 áreas de xogo que existen no termo municipal, unha tarefa para a que se destinan máis de 70.000 euros cada anualidade. “Con sinceridade, non nos parece que todos eses cartos estean a ter o rendemento agardado, por iso preguntaremos nas vindeiras Comisións cantas e  cales foron as intervencións realizadas pola empresa durante o último exercicio”, conclúe a portavoz de Lugonovo.