O Goberno local ten que dar exemplo na defensa do galego

Unha decisión inxusta, que evidencia o descoñecemento sobre a realidade lingüística e social de Galicia e cuestiona a ampla normativa de protección do galego que se ten desenvolvido dende o retorno da democracia. Así considera Lugonovo a decisión do Tribunal Supremo que vén de avalar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha decisión regresiva que supón a anulación de varios artigos da Ordenanza Municipal do Galego.

O Concello ten que recorrer a decisión inxusta do Tribunal Supremo sobre a Ordenanza de Uso do Galego

A plataforma cidadá insta ao Goberno municipal a defender a Ordenanza ante a tentativa de sentar unha xurisprudencia, mediante un posicionamento máis ideolóxico que xurídico do Tribunal Supremo, antagónica co espírito de normalización lingüística que emana da Constitución, o Estatuto de Autonomía e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

Lugonovo reclama que o Concello presente recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional ante a evidente vulneración dos dereitos lingüísticos da poboación luguesa que supón a decisión do TS, que pasa por riba do sentir maioritario da nosa cidadanía representado no acordo plenario unánime de maio de 2012. Para a plataforma, a gravidade desta situación fai necesario que o Concello bote man de todos os recursos xurídicos ao seu dispor, sen excluír un recurso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.