A peonalización de Quiroga Ballesteros, fóra dos Orzamentos

“A peonalización de Quiroga Ballesteros non se poderá executar en 2019 porque non vai incluída, como era imperativo, nos próximos orzamentos municipais”.

A portavoz de Lugonovo pon de manifesto así que “as promesas, ao respecto deste proxecto, referidas pola Alcaldesa non se poderán materializar se nos presupostos locais non se inclúe unha partida específica para esta cuestión que –  advirte – neste momento, non contemplan”.

“Nas modificacións orzamentarias que a Corporación aprobou en agosto de 2017, en base ao suplemento de crédito extraordinario, se recollía unha memoria valorada da humanizacion desta rúa. Un documento no que se apuntaba á reurbanización da vía e de parte de Santo Domingo, na contorna da Praza de Abastos, e que abranguía a demolición e reposición de pavimentos, a renovación das redes de abastecemento e saneamento así como as obras civís para o soterramento da instalación de iluminación pública e das liñas de subministración de enerxía eléctrica e de telefonía, etc… Traballos para os que, a mediados de mandato, se habilitou unha consignación de 1.100.000€ e que, polo de agora, aínda non se empregaron con esta finalidade”, explica Cristina Pérez Herráiz.

“E aí é onde xorden as advertencias do servizo de contratación que, no informe anual que vén de presentar, indica que esta obra se financiaba hai dous anos con crédito extraordinario ou cun suplemento incorporado ao 2018 e que, polo tanto xa non se pode volver incorporar. ¿Isto que quere dicir? Que como o equipo de goberno non o incluíu nas intervencións previstas para o exercicio en curso non se poderá levar a cabo”, sentencia a voceira.

“Ou a rexedora botou mal as contas ou a outra alternativa é que, de forma consciente, vende fume. Anuncia actuacións de gran simbolismo cidadá que sabe de sobra non poderá acometer mais pensa que a sociedade luguesa segue disposta a comungar coa consigna bandeira deste executivo socialista: que a culpa da súa ineficacia ao fronte da xestión do Concello a ten a oposición”, reprocha Pérez Herráiz. A portavoz de Lugonovo insta ao goberno a ter en conta os avisos emitidos polos técnicos municipais e a corrixir o rumbo para non deixar fóra dos próximos investimentos o acondicionamento e mellora dun dos espazos máis emblemáticos da capital, “un proxecto que creou gran expectativa e do que se agardan repercusións moi significativas tanto na mobilidade urbana como na proxección e recuperación do comercio local”.