Unha instalación perigosa para a cidadanía

Lugonovo solicita a retirada dun cadro eléctrico ubicado na fronte dun edificio de Conde Pallares ao considerar que a súa ubicación pode resultar perigosa para a cidadanía.

A formación denuncia que a devandita instalación atópase colocada sobre as canalizacións da fachada, no inmoble número un desta rúa do Casco Histórico, a unha altura relativamente baixa polo que calquera persoa dunha estatura media pode bater contra ela.  

“De feito, varias testemuñas relatáronnos que iso foi o que aconteceu hai só uns días, cando un home que camiñaba pegado ás construcións recibiu un golpe na cabeza ao pasar ao carón desta vivenda. O estrondo do choque foi tal que causou certa alarma na Praza Maior aínda que finalmente o señor, a pesar de mancarse, non resultou ferido de gravidade”, explica a portavoz do Grupo Municipal.

“As consecuencias do impacto puideron ser moito peores e o percance resulta susceptible de repetirse con frecuencia tendo en conta o tránsito peonil que rexistra esta zona da cidade. Só fai falta ir un pouco despistado para non decatarse da presenza desta caixa e afociñarse contra ela polo que instamos ao goberno a ordenar a súa retirada ou, cando menos, o seu tralado ben a maior altura, ben ao interior da casa onde, entendemos, xa debía terse situado dende que comezaron as obras de restauración”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.