Menos propaganda e máis trens!

Chegadas á cidade: unha, procedente de Ourense ás 13:38 horas.

Saídas: outra ás catro, de volta á capital das Burgas!

Ese é todo o tráfico ferroviario que o Adif, na súa páxina web, prevía para Lugo, nas próximas horas desta xornada de 4 de marzo.

“Un día no que se agarda a visita do ministro de Fomento para presentar, debe ser xa a cuarta vez, o protocolo de colaboración para a construción da Estación Intermodal. Pero ¿de que serve unha infraestrutura coma esta se non temos trens?” É a pregunta que se fai a portavoz de Lugonovo coa intención de poñer en evidencia o “circo de actos electorais” ao que este proxecto está a dar pé mentres a cidadanía segue sen dispoñer de servizos axeitados.

“A sociedade luguesa xa está farta de ter que vaticinar que garantías terán, a cada volta, as novas promesas políticas realizadas ao respecto, tendo en conta que os distintos gobernos do bipartidismo levan falando deste edificio dende o 2010 sen que, case unha década despois, teñan concretado absolutamente nada, nin tan sequera as responsabilidades que lle compete a cada administración”, reprocha Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal reiterou o desacordo da formación co deseño da dotación en tanto, “as instalacións semellantes, xa coñecidas, tenden a ser centros comerciais, deixando de lado a súa funcionalidade”.

“No caso de Lugo elixiuse unha Estación con zonas estancas, ben diferenciadas e mesmo separadas entre sí, que poñen en dúbida a súa conectividade;  mentres que nós apostamos por un inmoble que permita eses intercambios de forma rápida e sinxela.  Cremos que o primeiro que hai que garantir é a suficiencia de medios pero tamén unha boa coordinación entre os organismos que os tutelan para que iso se traduza nunha axeitada planificación dos transportes e dos seus horarios de maneira que tren, autocar e bus urbano se complementen para efectivizar o servizo prestado á poboación”.

“Eso obriga – remata Pérez Herráiz –  a un esforzo por parte dos tres executivos, ademais de a un diálogo fluído e boa disposición. Un compromiso que xa non se pode adiar máis se queremos rematar coa situación de abandono na que se atopa a nosa provincia”.