Os Filtros Verdes chegan ao rural! Outra das nosas achegas neste mandato

As parroquias de Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas serán as primeiras en contar cos Filtros Verdes propostos por Lugonovo. Sistemas biolóxicos de depuración de augas que a formación presentou ao Pleno do pasado mes de xullo co obxectivo de achegar alternativas de saneamento ao rural, onde a prestación deste servizo resulta aínda moi deficitaria.

“Felicitámonos de que a nosa iniciativa vaia ser, moi pronto, unha realidade nestas zonas do Concello que tamén nós sinalábamos como as localizacións máis propicias debido a súa orografía e caraterísticas demográficas”, sinala Víctor Álvarez Arias.

O concelleiro lembra que Lugonovo pediu o pasado verán que os técnicos municipais estudaran a viabilidade de aplicación destas técnicas de tratamento que reproducen de forma natural o ecosistema das lagoas. “Unha moción que contou co apoio de toda a Corporación e na que se constataba que se trataba dun método de menor custo pero, en cambio, máis eficiente, pola súa adaptabilidade á realidade do país, que as técnicas convencionais”.

“A tendencia habitual é a de conectar núcleos próximos entre sí mediante colectores, coa fin de conducir os vertidos a un único punto, unha infraestrutura onerosa e que esixe de procedementos burocráticos complexos.  Sen embargo, non é a única solución. Dende Lugonovo apostamos pola opción dos Filtros Verdes, capaces de maximizar os procesos que xa se dan de forma natural no medio a cambio, unicamente, de poder contar cunha superficie de terreo na que crear unha extensión húmida artificial onde se reproduzan os procesos de autodepuración que teñen lugar nos cursos da agua”, recorda Álvarez Arias.

“Estamos sumamente satisfeitos de que a nosa proposta se vaia materializar e, sobre todo, de que fora Lugonovo o artífice da súa implantación.  Houbéranos gustado, iso si, algo máis de consideración por parte do equipo de goberno que, nin tan sequera, tivo a deferencia de comunicarnos, tampouco no transcurso das reunións da Comisión de Seguimento dos Acordos Plenarios, que estaban traballando para executalos, por unha vez, coa inmediatez que nós tamén desexamos”, lamenta o edil.

A formación subliña entre as vantaxes destes Filtros Verdes a de ser un operativo simple, cun mínimo ou nulo consumo enerxético e químico, que xera poucos residuos, sen produción de lodos, con baixo impacto ambiental sonoro e escasas necesidades de conservación ademais dunha boa integración na natureza que propicia o asentamento de fauna autóctona na contorna. ‘�