Contra o desmantelamento dos servizos públicos no rural

Lugonovo solicitará o apoio da Corporación para esixir ao executivo galego que se dote, de forma urxente, á Oficina Agraria Comarcal de Lugo do persoal necesario para que poida prestar un servizo público e de calidade.

A formación faise eco así das reivindicacións da Xunta de Persoal dos Servizos Periféricos da administración autonómica, compartindo, ademais, a súa preocupación polo abandono que amosa para co medio rural e o desmatelamento paulatino das prestacións que ofrece e que está a afectar á estrutura destas oficinas.

 “A carencia de recursos humanos volveu a situación insostible, tanto para os empregados públicos que quedan e que deben asumir unha carga de tarefas desbordante, como para as e os administrados. Cómpre dicir que a RPT deste departamento recolle dous postos de administrativos e tres de técnicos dos que só dous están cubertos, un de cada categoría, ao non ser substituídas aínda as vacantes que deixaron en 2016 a xubilación dunha administrativa e, en xuño do 18, as comisións de servizo de dous técnicos destinados ao servizo de Infraestruturas Agrarias”, refire Víctor Álvarez Arias.

O Concelleiro de Lugonovo fai fincapé na gravidade das circunstancias ao ter en conta o importante labor que desenvolve esta área de Medio Rural.

“A oficina local atende a seis concellos da zona centro da nosa provincia (Lugo, O Corgo, Guntín, Portomarín, Outeiro de Rei e Rábade) nos que operan 7321 explotacións agrarias, 694 delas prioritarias. Ademais, na actualidade funciona tamén como rexistro auxiliar de Presidencia tendo un volume anual de 3000 rexistros de entrada e 300 de saída; presta atención ao público a máis de 300 persoas ao día e xestiona máis de 1500 expedientes anuais de distinta natureza que supoñen investimentos próximos aos 10.000.000 de euros e aos 5.000.000€ en axudas públicas. Tramitacións que poden verse gravemente prexudicadas polas eivas que estamos a denunciar en tanto poden supoñer adiamentos na aprobación e pago de achegas e mesmo a perda de parte dos fondos europeos cos que estas se cofinancian  – relata Álvarez Arias – polo que agardamos que a proposta que vimos de presentar sexa avalada polo resto de grupos ante o calado das consecuencias que tería manter en precario a Oficina Agraria Comarcal”, conclúe o edil.