Catro meses para iniciar unha obra que se executa en dous

¿Por que aínda non se repararon os accesos á Igrexa do Sagrado Corazón?

Lugonovo denuncia que o contrato para executar a obra formalizouse o pasado 28 de novembro e, sen embargo, a calzada segue a parecer un camiño de carros cheo de grava e fochas.

“O prego outorgaba un prazo de dous meses para rematar a repavimentación da zona e xa estamos en marzo sen que os traballos, orzamentados en case 18.000 euros, se houberan sequera iniciado – denuncia Víctor Álvarez. Queremos saber por que, cal é o motivo de que se estea a demorar este arranxo, se os terreos aos que afecta son todos de propiedade pública e xa estaban a disposición municipal”.

O concelleiro de Lugonovo sinala que presentará varias cuestións ao respecto na vindeira Comisión de Infraestruturas e pon de manifesto a escasa supervisión que se leva a cabo dende o Concello á hora de garantir que se cumpran os termos estipulados nas bases de contratación.

“Falamos dunha estrada moi transitada que dá servizo á veciñanza para chegar ao templo pero tamén ás vivendas que se atopan na súa contorna e trátase dunha actuación tan necesaria, que no propio proxecto se refire a conveniencia non só de amañar o firme senón de demolelo e repoñelo ante o calado do deterioro que presenta”, engade Álvarez Arias.

 “Resulta un milagre que aínda ninguén caera e se mancara alí porque a probabilidade de sufrir danos persoais ou materiais, nos vehículos, é máis que elevada ante as eivas de conservación que padece e que, dende Lugonovo, instamos ao equipo de goberno a solventar á maior brevidade posible”, conclúe o edil da formación.