Lamaparking (I)

Nas proximidades da cidade mais antiga de Galicia, hai un pequeno monte chamado o de San Cibrao. É todo unha incógnita para nos saber que facía ese lugar tan especial para os nosos ancestros, pero o certo é que o era, até o punto de chegar ate case hoxe en día un conxunto etnográfico de 7 mámoas, das que se tiveran coñecemento, xunto con varios petróglifos tamén xa movidos e descontextualizados.

As mámoas son construcións megalíticas, as primeiras construcións (que se conserven) que realizou a humanidade, e están datadas entre o 6.000 e o 2.000 A.C.. Para ter unha referencia, a Gran Pirámide de Gizeh (tamén unha necrópole) data de ao redor do 2.500 A.C., co cal estamos a falar dun tempo moi antigo e descoñecido, de moito antes de que nos invadiran os romanos.

Sabemos que na zona había todo un conxunto ou complexo polo Caderno de Estudios Galegos de Antonio Fraguas do ano 1953, no que se incluía un artigo chamado “Apuntamentos sobre mámoas lucenses”, no que mencionan os sete túmulos como parte de un todo. Cabe resaltar, ademais, a existencia nas inmediacións dunha igrexa bastante particular, que como ben saberedes adoitaban colocarse en lugares estratéxicos de cultos anteriores a cristianizar.

No actual Inventariado de xacementos arqueolóxicos da Xunta, así como no Catálogo municipal, xa só se recollen 6 mámoas que compoñerían a zona de protección do monte de San Cibrao. O certo é que tras a construción da estrada e do Hospital, e pese a suposta protección, xa só somos capaces de atopar unha das mámoas. A mámoa da que imos falar.

Podo entender que non poidamos facer nada por aquelo que xa foi destruído para o progreso da cidade, pero irrítame especialmente ver que continuamos caendo nos mesmos erros unha e outra vez.

O goberno de Lugo decidiu fai uns meses nivelar e dar unha capa de xábrego na finca na que quedaba esta ultima das mámoas resistindo ca memoria do que foi e significou o lugar. Tomou esta decisión pola innegable alta demanda de prazas de aparcamento na zona do Hula. Fíxoo neste lugar en particular non porque lles estorbara a o resto arqueolóxico, senón porque a titularidade da finca era do propio Concello. Pero, foi esa a mellor decisión? Non hai ningún sitio preto onde poder aparcar?

Diso falaremos en breve.

Paula González Fernández