Os descualificativos machistas contra a alcaldesa son intolerables

Lugonovo manifesta o seu rexeitamento absoluto a actitude amosada pola Policía Local tanto na reunión mantida onte co executivo local para reorganizar os turnos de traballo deste corpo como na exposición pública que hoxe trasladaron dese encontro os portavoces sindicais e reclama que se adopten medidas contundentes para que os efectivos deste servizo cumpran axeitadamente co seu labor.

“Vimos dicindo dende hai moito tempo que existe un problema coa Policía Local que resulta complexo de resolver e que esixe de diálogo pero sobre todo de respecto”, asegura a portavoz municipal con relación a ton empregado esta mañá polos repersentantes policiais para trasladar a súa versión do acontecido na xuntanza de onte.

“Estamos seguras de que expresións como deulle un calentón ou non lle dá para máis a cabeza non as empregarían se no canto dunha alcaldesa, Lugo tivera un rexedor… ademais de ser una absoluta falta de educación para con quen preside, mal ou ben, unha institución”, refire Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal considera que eses descualificativos serven para definir mellor a quen os profire e non a quen os recibe e insiste na proposta que Lugonovo lle achegou ao executivo hai agora, exactamente, dous meses: “equiparar o horario da Policía coa do resto do funcionariado, cumprindo a normativa sobre incompatibilidades laborais e trasladando o control das baixas á Seguridade Social. Hoxe, máis ca nunca, denunciamos que as os lucenses non merecen unha policía insurrecta, senón un servizo público de calidade polo que todos temos que traballar, e nesa meta, o equipo de goberno, poderá contar connosco”, conclúe.