Lugonovo elixe a Xosé Chorén Vázquez como candidato ás eleccións municipais

Xosé Chorén será o candidato de Lugonovo para as próximas eleccións municipais. Así o ratificou a Asemblea na xuntanza do xoves 14. A organización dá así o paso necesario para iniciar a carreira electoral e que esixía mudar, con este trámite, a configuración da lista ao Concello encabezada por Cristina Pérez Herráiz, ao candidatarse a actual portavoz municipal ao Congreso dos Deputados coa nosa organización irmá, En Marea.

Xosé Chorén Vázquez, xefe de sector das Oficinas de Correos para Lugo e o oeste de Asturias e veciño da Milagrosa, acolle a decisión dos inscritos e inscritas “con moitísima ilusión, con ánimo de darlle continuidade a todo o traballo realizado polo Grupo Municipal neste mandato e coa vontade de mudar a situación deste Concello”. Chorén lembra que “o centro das políticas de Lugonovo sempre foron e serán as persoas”.

“Por iso seguimos apostando por levar a cabo políticas sociais orientadas a acadar o benestar da poboación, especialmente da máis desfavorecida; políticas de mobilidade sostible, sensibles coa protección medioambiental, coa habitabilidade da urbe, a confección de espazos pensados para o coidado e a convivencia veciñal e nos que o peón é o absoluto protagonista en tanto tódalas dotacións se artellan e operan segundo as súas necesidades de desprazamento e hábitos laborais, de ocio, etc. E tamén políticas económicas capaces de resolver con axilidade non só a tramitación precisa para propiciar o asentamento e prosperidade empresarial, senón tamén para aproveitar as nosas potencialidades: o patrimonio natural do noso Concello e do noso rural, as materias primas e a situación estratéxica da provincia.”

“É preciso un maior compromiso e sobre todo un compromiso real do resto de administracións que ostentan as competencias para financiar infraestruturas axeitadas que nos sitúen no mapa estatal e europeo que hoxe esixe a globalización e que garantan a igualdade de dereitos e de prestacións das que dispoñen os residentes de tódolos barrios e tamén de tódalas parroquias sen diferenciación”, indica Xosé Chorén.

Cristina Pérez Herraiz, candidata para levar a voz de Lugo ao Congreso

“Levamos moito tempo constatando que Lugo continúa a ser unha das provincias máis infrafinanciadas de España, a cidade tampouco ten un valedor porque o PSOE non se atreveu a facer forza fronte aos seus homólogos do goberno central e a Xunta está moi ocupada boicoteando a acción municipal pensando que con iso van dar azos ao PP local”, subliñou Víctor Álvarez Arias en declaracións á prensa. “Cristina é unha persoa que leva catro anos en primeira liña política e dous como portavoz municipal, o que facía dela un perfil especialmente valioso nun momento en que Pedro Sánchez, acovardado, optou por convocar eleccións sen nin sequera esperar ás municipais. Esa xogada cambiou por completo o escenario e, aínda que non esquecemos que somos unha forza de ámbito local e o noso centro está na cidade, era necesario implicar na política supramunicipal de forma activa a un dos nosos meirandes e máis visíbeis valores”, xustificou o portavoz da formación.

Nese senso, Cristina Pérez Herráiz, asegurou sentirse moi contenta de que tanto En Marea como Lugonovo confiaran nela para defender os intereses da provincia.

“Son unhas eleccións cruciais para recuperar benestar, dereitos e liberdades o que obriga á clase política a dar pasos adiante. Agardo que a miña experiencia profesional e tamén os coñecementos adquiridos nestes catro anos como concelleira sexan de utilidade para a cidadanía lucense. Pero que eu avanzase na dirección do Congreso implicaba tamén que outras compañeiras e compañeiros asumiran responsabilidades e retos dentro da organización a nivel local, un papel que agora desenvolverá e, estou segura que con moito éxito, Xosé Chorén”.

Outros temas tratados na Asemblea de Lugonovo

Lugonovo ofrecía onte tamén, ás súas inscritas, unha dación de contas da actividade da Plataforma e do Grupo Municipal que, nestes catro anos, leva presentado un total de 338 iniciativas ao Concello. 112 aos Plenos, entre elas 69 proposicións, e 226 ás Comisións entre rogos (86) e preguntas (140).

Por outra banda, a Asemblea debateu sobre a proposta de Orzamentos municipais do Concello, asunto onde Lugonovo ten mostrado e continuará a mostrar unha plena vontade de diálogo e acordo, en beneficio da cidade.