Lamaparking (II)

O certo é que cando se construíu o propio hospital todo se preveu, e no baixo do mesmo habilitouse un lugar grande para o aparcamento. O problema e que este está xestionado por unha empresa concesionaria dependente da administración autonómica, e segundo o goberno do Concello é caro.

O Prezo por minuto no parking HULA é 0,0272 €, e o abono semanal custa 20,50 €. Mentres tanto, no centro da cidade, o prezo por minuto no parking Santo Domingo é 0,0292 €, e o prezo un día completo é 14,9 €. É dicir, bastante máis caro.

Aclaremos isto porque é importante: a competencia dos parkings da cidade é do Concello de Lugo, ese que valora como excesivo o prezo do aparcamento do hospital e emprega este custe como xustificación para un gasto de 119.000€ en aplanamento e xábrego, que por certo é xa un lamazal.

Mais entón, non será isto outro episodio de leas entre administracións, entre partidos en realidade, ca consecuencia dun derroche de diñeiro e de infraestruturas? Pois si. E de non afectar o noso patrimonio eu xa nin repararía.

Mais finalmente foi peor o remedio ca enfermidade. Por que digo isto? Porque nas inmediacións do Hula existe actualmente un problema grave cos aparcacoches ilegais (gorrillas), que ten suscitado grandes enfrontamentos no eido municipal e que está moi lonxe de terse solucionado, sobre todo despois de aumentar o espazo de aparcamento ao aire libre.

Aparte disto, o continuo trasfego de vehículos ca súa consecuente vibración a escasos 5 metros do túmulo, non podemos agardar que o conserven en precisamente boas condicións. Todo o complexo do Monte San Cibrao ficará destruído posiblemente en menos de 100 anos.

Pero o que mais preocupa é a contradición permanente das e dos nosos gobernantes: todas as institucións estan a apostar polo Camiño Primitivo, que pasa por Lugo, por ese mesmo lugar, e que é xa Patrimonio da Humanidade, e que non coidan nin respectan nin un pouquiño. O único interese no camiño e gastar en publicidade para que veñen turistas.

Ai se tiveramos a metade de sensibilidade ca os homes e mulleres megalíticas!

Paula González Fernández