Mellor ordenación para uns pasos de peóns sen sustos!

A portavoz do Grupo Municipal Lugonovo urxe a revisar a ordenación do tráfico na intersección entre a rúa Cidade de Viveiro coa Ronda da Muralla.

“A visibilidade sobre o paso de cebra é practicamente nula para os condutores que baixan do Parque e se queren incorporar á Ronda, de maneira que se un peón agarda para cruzar na marxe dereita, ao carón dos edificios e fronte ao monumento, non é posible decatarse da súa presenza ata estar xusto diante do semáforo”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A voceira considera un perigo que a sinalización vertical posibilite, neste enclave, o tránsito simultáneo de persoas en verde e o dos vehículos procedentes da mencionada vía en ámbar e insta a revisar o regulamento da circulación neste punto para evitar atropelos.

“Cremos convinte que os técnicos municipais estuden a opción de modificar a alternacia semafórica da zona co obxecto de mellorar a seguridade cidadá e de garantir en todo momento a protección dos viandantes. Cómpre lembrar que se trata dunha contorna un tanto complexa, na que existen ademais varios illotes de separación dos carrís coexistentes na calzada que predispoñen aos transeúntes a tomar atallos arriscados sen respectar as indicacións viarias. Polo que trasladaremos un rogo ás vindeiras Comisións, agardando que o executivo o teña en conta”, conclúe Pérez Herráiz.