A nosa proposta para solucionar o conflito do persoal municipal: que Vázquez Portomeñe actúe como mediador

Lugonovo vén de trasladar ao goberno unha posible solución para poñer fin ao malestar laboral dos traballadores do Concello.

A formación propón que José Vázquez Portomeñe exerza como árbitro mediador para desbloquear o conflito de persoal que, logo dunha década enquistado, non fixo máis que acrecentarse coa elaboración do actual proxecto de RPT.

“Cremos que se trata da persoa idónea para resolver este enfrontamento. Ademais de ter un dos currículums máis exemplares de Galicia en canto a mediación laboral, posúe un perfil dialogante e de consenso, o que lle outorga unha gran consideración por parte de todas as forzas sindicais”, referiu o candidato de Lugonovo ás próximas eleccións municipais.

José Vázquez Portomeñe é licenciado en Dereito e conta cunha ampla traxectoria profesional. Dende o seu ingreso na Administración, no ano 1975, ocupou diversos postos no eido da universidade, onde foi vicexerente do campus de Lugo e xerente da Universidade de Santiago e desempeñou diversos cargos públicos como o de Director Xeral de Relacións Laborais, durante a presidencia de Manuel Fraga na Xunta; foi secretario xeral da Consellería de Traballo, xunto a Ricardo Varela, e subdelegado do Goberno en Lugo en substitución de Jesús Otero.

Unha das facetas na que os seu méritos son máis recoñecidos é a de mediador laboral, un ámbito no que conseguiu chegar a acordos en máis de 350 conflitos de difícil resolución como o de La Unión, a antiga Alúmina – Aluminio, o da limpeza de Urbaser, así como nas tres folgas do transporte da provincia da Coruña.

“Queremos subliñar dúas cousas – indicou Xosé Chorén – a primeira é que podemos anunciar aquí a total disposición e compromiso de Vázquez Portomeñe para poñerse ao fronte desta causa, polo que agardamos que a nosa proposta teña unha contestación sensata por parte dos sectores implicados. Non podemos perder de vista que estamos a falar dunha problemática que procede de moitos anos atrás, que nunca foi abordada de forma resolutiva e que está a condicionar a eficacia da institución local”.

“Sabendo da súa predisposición, queremos destacar tamén que, se agardamos ata esta mañá para trasladar a nosa iniciativa foi por respecto ao proceso electoral sindical que se está desenvolvendo na xornada de hoxe e no que Lugonovo non quixo interferir para preservar as garantías de todo o procedemento. Sen embargo entendemos que xa non podemos seguir de brazos cruzados nin un minuto máis, deixando que o desacougo do funcionariado se perpetúe e que isto condicione, á súa vez, a actividade do Concello e o bo facer dos servizos públicos municipais. A cidadanía de Lugo merece outra atención e cremos que este é o punto de partida para alcanzala”, conclúe Chorén Vázquez.