Todo o noso recoñecemento aos deportistas paralímpicos lucenses

Lugonovo vén de reiterarlle ao goberno a súa proposta para que, dende o Concello, se organice unha recepción oficial ao deportista paralímpico Mauro Rodríguez.

O lucense regresaba dos Campionatos de España, celebrados hai dúas semanas en Sevilla, coa medalla de ouro nos 200 metros mariposa ademais de obter, entre outros galardóns, o récord nacional, rebaixando o anterior en case 14 segundos e facíase co bronce nos 400 metros estilo libre.

“Tempada tras tempada, Mauro demostra que é todo un exemplo de superación – destaca a portavoz do Grupo Municipal. Un gran referente local que, cremos, debe ser recoñecido polas institucións, comezando polo Concello ao que xa apelamos hai xusto un ano neste sentido sen que, até o momento, se tivera pronunciado. Agardamos que, nesta ocasión, acolla con maior receptividade a nosa solicitude”.

Cristina Pérez Herráiz enxalzou unha vez máis a valía do nadador xunto coa amosada polos deportistas de Apsnais que tamén estes días deixaron constancia do seu talento nos Special Olympics celebrados nos Emiratos Árabes.

“A expedición regresa hoxe á casa despois dunha exitosa participación nestes xogos nos que obtiveron dous recoñecementos de ouro, dous de plata e outros tantos de bronce, o que é un gran orgullo para toda a cidadanía de Lugo”.

“Estamos seguros de que a Corporación ao completo compartirá con nós a transcendencia de visibilizar publicamente todos estes logros e de felicitalos polos méritos obtidos”, conclúe a voceira.