XIX ou XXI?: a volta á discriminación


Lemos en diversos xornais que estamos no “tempo da recuperación”, que a
economía doméstica aumenta e que as taxas de paro diminúen, mais a realidade que se vive nas rúas demostra todo o contrario. Arestora e dende fai uns anos vímonos atopando ca problemática dos desafiuzamentos: familias traballadoras, antano capaces, que se ven agora obrigadas a desposuírse das súas vivenda a causa de impostos esaxerados e cláusulas abusivas.


Recentemente saltou en La Voz de Galicia unha noticia sobre un novo perfil de desafiuzamento, un novo acto de exclusión, polo tanto. Falamos dos desafiuzamentos por aluguer. Na nova podíase ler que na segunda metade do pasado ano rexistráronse 797 desaloxos en Galicia por incumprimentos de contratos de arrendamento o que supuxo un “12% máis que no mesmo período do exercicio anterior”.


A máis grave das causas destes datos serían as cuantiosas subidas nos prezos do alugueres, que, malia que se reflicten en maior medida nas grandes urbes, deixan casos moi significativos tamén en cidades de extensión moderada. Por riba disto, ilustran tamén esta problemática os datos relevados por Europa Press. Facendo referencia a declaracións feitas polos principais sindicatos de Galicia, sinala, grosso modo, que malia que a taxa de paro baixe, isto non quere dicir que haxa recuperación laboral, senón que hai un considerable aumento de empregos precarios, así como de contratos temporais, feito que non faría máis que axudar a que alugar unha vivenda sexa, cada vez, máis complicado.


En conclusión, isto nos leva a pensar en que unha persoa sen recursos suficientes, polo mero feito de selo, está destinada a non ter opción de mellora, está criminalizada e obrigada a vivir na precariedade, recordando tanto aos ideais naturalista que primaban no século XIX, sobre a incapacidade do individuo de aumentar o status. Amais, reparamos no ideal de odio racial que defende que tódalas axudan van destinadas a estranxeiros, non sendo máis que un mito.

Mina Galván, Stopdesafiuzamentos Lugo