Máis persoal para atender ás vítimas, o destino que propoñemos para os fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia machista

Lugonovo preguntará ao executivo pola finalidade que terán os cartos que lle corresponden ao Concello procedentes do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero.

“A edil responsable de Benestar refería o pasado mércores, nunhas xornadas organizadas pola Asociación Sí Hai Saída, que a administración local xa dispón dos fondos procedentes desta partida polo que queremos saber en qué pensa investilos”, indica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación sinala que Lugo recibiu, por este concepto, máis de 18.000 euros (18.328’10€) nun pago que se realizou, segundo o Ministerio da Presidencia, o pasado 14 de xaneiro  e propón que “boa parte dese orzamento” se destine a mellorar a dotación de persoal que atende ás vítimas e ás súas familias.

“Apostamos porque a institución o empregue para asumir a contratación, tan necesaria, de distintos profesionais da psicoloxía, a avogacía ou ou traballo social. O único requisito é que o secretario municipal acredite no seu informe final que estes gastos están directamente vencellados a programas que constitúen a execución das medidas do Pacto de Estado, polo que agardamos que o goberno non desaproveite a ocasión de rendibilizar o máximo posible este diñeiro ao tempo que se resolven outras deficiencias como a saturación de tarefas que padecen os efectivos do servizo”, destaca Pérez Herráiz.

“Evidentemente son os técnicos os que deben decidir onde están as necesidades a atender con maior urxencia, mais, dende Lugonovo, estamos seguros de que reforzar o departamento sería vital para mellorar a calidade da prestación”.

A voceira pediu tamén celeridade ao equipo de goberno tendo en conta que o período de realización dos proxectos ten como tope o 30 de xuño deste ano. “Por iso nos parece tan importante coñecer a qué se dedicarán estes fondos e, sobre todo, cándo xa que, de non telos materializado antes desa data, os remanentes pasarán a descontarse da contía que o Concello percibirá no 2020”, advirte Cristina Pérez.