Se hai música, hai xente. Se hai xente, hai vida. Revitalicemos Lugo!!

Lugonovo aposta por darlle continuidade ás sesións vermú musicais logo do éxito de participación acadado onte coa actuación de Gisele Jackson.

“Gustarianos que a iniciativa non quedara só nun evento illado senón que o goberno planificara toda unha programación cultural para desenvolver os domingos pola mañá aproveitando o bo costume de tomar o aperitivo”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación cre que a organización de actividades servirá tamén para dinamizar o Casco Histórico, en horario diurno, durante a fin de semana, “algo moi recomendable, especialmente agora que o Concello fixou entre os seus obxectivos a nosa proposta para acadar a extensión da Declaración de Patrimonio da Humanidade a esta parte da capital”.

Pérez Herráiz avoga tamén por diversificar o emprazamento dos concertos e espallar a súa celebración a outras zonas e espazos con grandes cualidades técnicas e boas posibilidades de aforo “como poden ser Campo Castelo, a Tinería, a Praza de Milagrosa, Augas Férreas, etc…  Se hai música, hai xente e se hai xente hai vida e nós, dende Lugonovo, o que queremos é precisamente iso, revitalizar toda a cidade e se é da man do ocio e da cultura moito mellor!”, conclúe a voceira do Grupo Municipal.