Esta é a candidatura da veciñanza… para que Lugo teña voz de seu!

A Asemblea de Lugonovo vén de elixir, na noite de hoxe, as persoas que conformarán a lista electoral con que a plataforma cidadá concorrerá ás vindeiras eleccións municipais para representar os intereses da maioría da cidade. Arredor de corenta persoas inscritas en Lugonovo avalaron a proposta achegada pola Coordinadora e decidiron, unanimemente, presentar ante a veciñanza luguesa unha proposta plural, transversal e bo expoñente da potencialidade e diversidade luguesa. 

“Trátase dunha mostra representativa da veciñanza que someteremos ao escrutinio de toda a cidadanía” indicou Xosé Choren Vázquez, candidato á alcaldía de Lugo, para quen “esta lista representa o espírito emprendedor, dinámico, social e ambientalmente comprometido e profundamente democratizador co que Lugonovo quere acudir á cita coas urnas en maio”. 

Persoas de todas as idades e múltiplos perfís sociais e profesionais que concorren conxuntamente a unhas eleccións “para ofrecer a Lugo un modelo democrático representativo pero tamén participativo” salientou o candidato. “Esta lista plural reflicte a pluralidade da sociedade luguesa e pode exercer como un vínculo entre cidadanía e representantes, entre o Concello e a cidade, que leva catro anos asistindo a un festival de desgoberno e desinterese” engadiu. Trátase de presentar “un equipo completamente distinto respecto aos partidos clásicos”.

Fronte ao que cualificou como “modelo esgotado”, Chorén puxo como exemplo “esta lista, a mellor encarnación dun proxecto para Lugo sobre tres eixos: o desenvolvemento económico, a xestión pública transparente e a atención inmediata das moitas emerxencias sociais”.

No primeiro tramo da lista, alén de Xosé Chorén Vázquez, xefe de sección de Correos, atópanse Cristina Pérez Herraiz, portavoz municipal e actualmente encabezando a candidatura de En Marea ao Congreso dos Deputados por Lugo nas eleccións xerais; Paula González Fernández, economista; Carlos Baliñas Pérez, historiador e profesor da USC Campus Lugo; Teresa Burgo García, avogada laboralista en CCOO; Víctor Álvarez Arias, actualmente concelleiro e traballador na Xunta; Camino Casabella, profesora e licenciada en Belas Artes; Jesús Castro López, técnico de deportes da USC; Marta Salgado Castelo, técnica de actividade física e deportiva e estudante de INEF; e Uxío Outeiro, profesor de galego e portugués.

Nos seguintes postos da lista atópanse Xulia Mallo Vieiro, xubilada do Sergas; Marcos Fernández Trigo, portavoz do colectivo LGTBI ALAS de Lugo; Mina Galván González, activista e responsábel de Stop Desafiuzamentos Lugo; Xosé Manuel Saa, empresario propietario da Taberna do Saa; Samira Zahir Zouhai, ama de casa e veciña da Milagrosa; Óscar Pita Corbelle, técnico de mantemento na industria alimentaria; María Jesús Suazo, delegada da CIG no HULA, Xohán Rompe, activista social; María del Carmen Flores Ferreiro, traballadora social do Concello; Jordi Baldoví, funcionario do Estado; Sagrario Fernández Méndez, traballadora social do Sergas no HULA; Manuel Carballés, xubilado de Correos; Alejandra López Yáñez, auxiliar administrativa; Neves Núñez Delgado, empresaria e exconcelleira e Xosé Anxo Laxe Suárez, xubilado e exconcelleiro. “Un luxo de equipo para gobernar esta cidade man a man coa xente” resumiu Xosé Chorén.