Aos comicios de maio… cos pés na terra!!

Lugonovo escolle o Mercado para presentar, este xoves, a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais.

Nun acto que comezará ás oito da tarde, e que estará amenizado pola actuación do grupo Berta Franklin, a Plataforma dará a coñecer entre a cidadanía ás 25 persoas que integran a lista.

“Somos un equipo cos pés na terra, así que, qué lugar mellor que o Mercado para comezar o traballo de campaña”, refire Xosé Chorén quen destaca que o ánimo da organización “é facer unha xornada de celebración, participativa e alonxada da rixidez e dos formalismos oficiais para amosar tamén a afouteza coa que asumimos os próximos dous meses de período electoral”.

O candidato de Lugonovo á alcaldía convida a toda a veciñanza a asistir e descubrir o proxecto da formación para os próximos catro anos, baseado no amplo labor desenvolvido polo Grupo Municipal durante este mandato.

“Moitas das actuacións do goberno local foron propostas de Lugonovo que se executaron polo noso impulso e tenacidade: a exención do recibo da auga, lixo e sumidoiros para os perceptores de pensións non contributivas; as claúsulas sociais e medioambientais nos contratos públicos; as campañas contra a violencia machista nas festas; a creación de filtros verdes para o saneamento do rural… Iniciativas achegadas dende a sensatez, dende unha política do compromiso para darlle solución aos problemas e necesidades reais e inmediatas das e dos lucenses, de quen reside na capital e de quen o fai nas parroquias e debera ter iguais dereitos e, sen embargo, non é así porque para moitos as súas demandas non contan ata que está a piques de rematar a lexislatura”, lamenta Chorén Vázquez.

“Este xoves queremos visibilizar o noso perfil, as nosas aportacións e os nosos propósitos, porque é o que nos define e diferencia do resto, porque estamos seguros de que o noso ideario e o noso programa, feito polas persoas e non baixo os intereses de partido, convence e porque ademais, a solvencia profesional dos que ese día ímos dar un paso adiante é garante de que outro goberno e outra xestión, honrada, transparente e eficaz, é posible se vai da man de Lugonovo”, conclúe o seu alcaldable.