Queremos unha Maratón sen improvisación!

Lugonovo pregúntalle ao executivo polo dispositivo que rexerá a III Media Maratón que se vai celebrar dentro dun mes na cidade.

O Grupo Municipal quere saber se os organizadores xa contan co Plan de Tráfico perceptivo e se o equipo de goberno terá a ben, nesta ocasión, poñer a disposición das persoas inscritas servizos básicos como duchas ou vestiarios para que poidan cambiarse trala carreira.

“Falamos dunha proba á que acoden ao redor de 1.200 atletas. Moi significativa para a imaxe do Concello tanto pola súa transcendencia deportiva como polo transfondo solidario que terá nesta edición. De maneira que o executivo non se pode permitir outro ridículo igual ao que se viviu o pasado xaneiro durante o Corre con Nós”, lembra Víctor Álvarez Arias.

O edil da formación recorda que a falta de efectivos que garantiran a seguridade das e dos corredores durante a competición foi notoria en moitos momentos, cando incluso tivo que intervir Protección Civil para suplir a ausencia de axentes de Policía que vixiaran o circuíto.

“Ao marxe das escenas de caos que se viviron, con vehículos circulando por espazos acordoados, máis escandaloso foi aínda o feito de que, ao concluír o evento, as instalacións das pistas da Cidade Cultural estiveran pechadas impedindo ás e aos participantes asearse conforme é debido logo dun esforzo así”, lamenta Álvarez Arias. “Unha eiva inescusable que non se debe repetir”.

O concelleiro de Lugonovo pide maior previsión para a cita do 12 de maio, “que se aseguren as dotacións  precisas, tanto materiais como humanas, para un correcto desenvolvemento do duatlón” e suxire, ademais, a posibilidade de estudar o incremento do seu percorrido para que sexa homologable a nivel estatal e poida puntuar nos campionatos de España así como variar o seu itinerario, atravesando San Fernando, San Marcos, Santo Domingo e Rúa da Raíña ata chegar á Praza Maior, para evitar o desgaste físico que entrañan as pendentes da Ronda da Muralla logo da Porta de Bispo Odoario.