400 veciñ@s da Piringalla piden a retirada do peche perimetral do parking da rúa do Buxo

Lugonovo vén de facer entrega no rexistro municipal ao redor de 400 sinaturas solicitando ao goberno a retirada do valo perimetral instalado no estacionamento disuasorio da Rúa do Buxo e pedindo a súa substitución por outro modelo que posibilite o paso peonil dunha marxe á outra do recinto.

“Con esta petición queremos dar traslado das queixas referidas pola veciñanza do barrio que considera moi desafortunado o tipo de peche escollido”, explica Xosé Chorén.

“A malla metálica de cor vermello coa se fixo o cerramento ten case dous metros de altura polo que, máis que indicar onde se atopa o aparcadoiro, semella unha gaiola. I é precisamente esa sensación de illamento o que xera maior malestar entre as persoas residentes na contorna que, a parte de non considerar necesarias as dimensións do valado, temen faga perigar o bo desenvolvemento das festas da Piringalla que se celebrarán proximamente nesa praza”, advirte o candidato de Lugonovo á alcaldía.

A formación presentará, ao respecto, un rogo nas vindeiras Comisións de Pleno, no que tamén recolle a preferencia da cidadanía para que os accesos á parcela se fagan pola parte frontal da mesma e non polo lateral coa fin de evitar que se teñan que suprimir prazas de aparcamento xa existentes. “Non vaiamos vestir un santo para espir outro”, refire a súa voceira, Cristina Pérez Herráiz.

Dende a agrupación cualifícase a intervención municipal como “moi mellorable non só nesta localización senón tamén na superficie habilitada en Alcalde Xosé Novo Freire onde cremos que a ubicación do peche, xusto no lindeiro do terraplén onde remata o parking é, cando menos, cuestionable alén de bastante inútil á hora de evitar, como debera ser o seu obxectivo, que, nun descoido, os vehículos se precipiten polo desnivel”, subliñou a portavoz de Lugonovo ao tempo que instou ao executivo local a corrixir tamén esta deficiencia.