A atención ás vítimas, a nosa prioridade no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

 “O Concello vén de recibir 18.328’10€ procedentes do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero e nin un só deses euros se destinará a reforzar o cadro de persoal que se ocupa de atender ás vítimas”.

Os fondos, segundo explicaba o goberno en contestación ás preguntas formuladas ao respecto por Lugonovo, dedicaranse, na súa maioría, á impartición de cursos de biodanza e musicoterapia para as mulleres agredidas e á elaboración de guías sobre xoguetes non sexistas así como de folletos informativos sobre a casa da muller e outro material co que darlle continuidade a diversas campañas de sensibilización.

“Todo é necesario, todo é importante e tódolos recursos son benvidos á hora de mellorar un servizo coma este pero sempre hai aspectos primordiais que deben preponderar sobre o resto de actuacións; e fornecer a asistencia directa ás afectadas e ás súas crianzas debía ser, ao noso xuízo, o fundamental”, salienta Cristina Pérez Herráiz.

“É máis – lembra a voceira do Grupo Municipal –  en canto a concelleira de Benestar comunicou que xa se dispoñía dese diñeiro pedímoslle publicamente que o empregara para asumir a contratación, tan necesaria, de distintos profesionais da psicoloxía, a avogacía ou ou traballo social. A única imposición legal era que o secretario do Concello acreditase no seu informe final que estes gastos estaban directamente vencellados a programas que constuían a execución das medidas do Pacto de Estado, e sen embargo, temos que lamentar que o executivo non aproveitara a ocasión para rendibilizar o máximo posible esta partida. Porque podería resolver a un tempo deficiencias como a saturación de tarefas que padecen os efectivos do departamento mentres se optimiza a calidade da prestación”, reprocha Pérez Herráiz.