Unha imaxe inaceptable!

Ducias de caixas de cartón, xornais e mesmo bolsas de lixo esparexidas polo chan, ao pé dos colectores. Esa era a estampa de sucidade que ofrecía esta mañá a Avenida Alfonso X.

Lugonovo denuncia a saturación de refugallos que, logo destes días festivos, se detecta na contorna de Magoi e pídelle ao goberno que dea orde de proceder á súa retirada e limpeza inmediata.

“Ou ben as dotacións coas que conta esta parte da capital resultan insuficientes ou ben houbo un descoido, inaceptable, no aseo urbano durante esta ponte”, refire Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación lamenta a falta de previsión do executivo local á hora de organizar os servizos públicos e ínstao a mellorar, asemade, a supervisión municipal que se leva a cabo sobre as concesións externalizadas, coma esta, para garantir que se cumpran con eficacia os termos do contrato.

“Non é de recibo, nin di cousa boa de quen dirixe a Corporación, mirar para outro lado ao respecto desta cuestión. Non podemos esquecer que nos atopamos nun dos períodos vacacionais máis importantes do ano, que se agardaba unha ocupación turística do cento por cento na capital para esta Semana Santa e que estamos a falar dun barrio con alta concentración de negocios de hostalaría o que supón un grave prexuízo non só para a veciñanza que reside na zona, fundamentalmente, senón tamén na imaxe que reflectirá a nosa cidade entre as persoas que nos visitaron nestas datas”, conclúe Pérez Herráiz.