Vén connosco a dar Unha Volta por Lugo!

Amosar distintos puntos turísticos da capital dende unha perspectiva rechamante e pouco convencional que atraia o interés do espectador e o transporte nunha viaxe pola cidade. Ese é o obxectivo de Unha volta por Lugo, a mostra que Bego Pérez leva, a partir de mañá mércores, á sede de Lugonovo.

Unha volta por Lugo é, segundo a súa autora, “unha peregrinación circular, un percorrido paisaxístico polos lugares máis emblemáticos do noso municipio a través dunha serie de imaxes panorámicas polares que abandonan deliberadamente a reprodución exacta das formas mais sen perder a afinidade coa realidade”.

Trátase dun proxecto que combina fotografía e tecnoloxía a partes iguais, pretendendo un resultado provocador, “un pequeno xogo con toda aquela persoa que se pare a visualizalo”, engade a artista.

Bego Pérez (Vila de Cruces, 1980) é fotógrafa profesional. Logo de traballar para varias empresas optou por independizarse e especializarse na vertente social, orientada á publicidade, á elaboración de catálogos e mesmo á realización de retratos e fotografía de viaxes.

“A miña verdadeira vocación é deter o tempo, chegar a esencia de todo canto nos rodea, resaltando a súa beleza ao tempo que reproduzo unha realidade con todo o seu poder expresivo. Gústame facer fotos pero sobre todo contar historias, captar o momento que non volve, cun estilo natural e próximo”.

Sensible, minuciosa, emocional, impulsiva, humilde e pasional Bego Pérez convida a toda a cidadanía lucense a visitar o local de Lugonovo para dar Unha Volta por Lugo, dende o 23 de abril e até o próximo 17 de maio.

A exposición, que se presentará mañá, ás 20:30 horas nas instalacións da formación, enmárcase dentro da programación cultural – a primeira que se desenvolve en clave feminina – organizada pola coordinadora de área da Plataforma, Camino Casabella Pumares.