Segundo os últimos datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística, en Lugo residen ao redor de 13.400 inmigrantes. Unha realidade que, a xuízo de Lugonovo, demostra que a cidade é máis diversa.
“Esta pluralidade étnica e lingüística pasou de ser algo anecdótico a converterse nun aspecto a considerar na elaboración de políticas que afonden nunha maior comprensión das diferentes identidades que conviven no municipio. É por isto que, dende Lugonovo, propoñemos organizar unha feira intercultural anual, unha festa que permita dar a coñecer a música, a artesanía, a gastronomía, etc… doutros países con arraigamento local, e para a que apuntamos como posible ubicación a Praza Agro do Rolo por ser a Milagrosa un barrio paradigmático neste sentido”, indica Xosé Chorén.
O alcaldable da formación considera que a posta en marcha deste encontro serviría como primeiro paso cara a creación posterior dun Centro de Diversidade Cultural. “Un espazo permanente de diálogo dende o que se poida traballar de forma activa nun correcto proceso de inclusión”.
Con esta iniciativa, Lugonovo pretende que o conxunto da sociedade reflexione sobre o sentido dos costumes, tradicións e principios morais baixo os que viven outras culturas e, tamén, sobre as razóns que nos deben abrir a aceptar valores e prácticas distintas ás propias.
“Pensamos que as institucións públicas deben ser as primeiras en facer un esforzo para fomentar que a cidadanía se adapte a un contexto social cada vez máis diverso, a través de medidas proactivas coma esta que loiten contra a discriminación e a intolerancia traballen a prol da sensibilización, a normalización e a integración”, conclúe Xosé Chorén.