Lugonovo presenta un programa ambicioso para un cambio duradeiro


Ofrecer á cidadanía unhas “ideas para a reflexión” arredor dun “cambio duradeiro” para Lugo. Esa é a base do Programa Electoral de Lugonovo que hoxe presentaron o candidato á alcaldía Xosé Chorén Vázquez, a portavoz municipal e nº2 da candidatura Cristina Pérez Herraiz e o nº4 da candidatura Carlos Baliñas Pérez. A través dunha concepción “táctica e inclusiva” do urbanismo, unha “atención inmediata ás urxencias sociais”, unha aposta “pola economía local e de proximidade” e un compromiso firme con que o vindeiro sexa “o mandato da participación cidadá”, Xosé Chorén definiu o programa con que Lugonovo comparece ante a cidadanía como “unha aposta por un goberno distinto, un modelo de cidade mellor que require de moito máis de catro anos para chegar a bo porto”. Por iso expuxo a campaña electoral que se achega como unha “petición de confianza” á cidadanía para dar unha oportunidade a unha “transformación de Lugo con sentidiño pero con firmeza”.

O candidato á alcaldía defendeu a necesidade de apostar por un urbanismo inclusivo destinado a “recuperar espazos baleiros ou degradados da cidade” para crear áreas de socialización veciñal, espazos de dinamización económica e difusión cultural. Puxo como exemplo a “recuperación do Agro do Rolo como lugar singular” así como a intervención integral no barrio da Milagrosa. Na mesma liña, lembrou a importancia de reconectar a cidade co Miño e “reconciliar Lugo coas áreas naturais que a rodean”, como é o caso dos terreos nas proximidades do HULA onde propón “recuperar varias hectáreas de terreo para o uso cidadán e a reforestación autóctona para crear un grande espazo verde e de lecer”. Un proxecto que inclúe a revisión do PXOM e a reelaboración do PEPRI e peonalización da Ronda da Muralla e o Casco Histórico.

Para Xosé Chorén o principal sinal de identidade de Lugonovo, o especial fincapé na política social e de benestar, guía tamén un programa que “aposta pola atención inmediata ás urxencias sociais por un sistema parecido á triaxe”, a “garantía dunha vivenda digna e asequible en todo Lugo a través da aposta polo alugueiro, a rehabilitación e a identificación da vivenda baleira”.

“O vindeiro mandato será o da participación cidadá” indicou tamén Chorén Vázquez, recordando que o programa de Lugonovo inclúe a regulamentación da participación cidadá nos plenos, Orzamentos Participativos de calado, a creación do Valedor do Veciño e de consellos parroquiais no rural, así como un compromiso escrupuloso coa transparencia. Finalizou prometendo “acabar coa parálise institucional” a través da actualización da Relación de Postos de Traballo do Concello e a creación dun punto de atención cidadá con responsables expertos sectoriais “que evite as longas colas de espera e o fastío da cidadanía no trato coas institucións”.

Acordos e aposta pola cultura e a Universidade

Cristina Pérez Herraiz ligou o actual programa ao traballo de Lugonovo durante os últimos catro anos. “É a continuación coherente dun modelo de cidade que apostou polo diálogo pero tamén pola defensa dos intereses cidadáns” explicou, lembrando que “nestes catro anos só nos rexeitaron unha proposta en pleno, precisamente cando pedimos que non se estafase á cidadanía luguesa coa dotación do Auditorio”. Pérez Herraiz indicou que “hai catro anos chegamos para cambiar as cousas como cidadanía e descubrimos un panorama desolador como representantes públicas, cando coñecemos a magnitude dos problemas do Concello e a desidia do goberno local”. Ante esta situación, Cristina Pérez reivindicou a “madurez” de Lugonovo, que “chega ás eleccións cun programa ambicioso e realista orientado ao goberno, porque só dende o goberno poderemos implementalo con garantías”.

Pola súa banda, Carlos Baliñas defendeu apostar pola Universidade xa que o Campus é “un pulmón estratéxico, no económico e no social, para Lugo”. O nº4 da candidatura e profesor universitario reclamou tamén “máis atención ao patrimonio histórico esquecido, moito máis amplo que o recinto amurallado” e “unhas celebracións e festas, coma o San Froilán e o Arde Lucus, centradas na cidadanía, participativas e participadas”. “Unha cultura que sexa do común” aseverou.