“Pasado Vivo, Cidade Museo”. Tracemos unha rede cultural para potenciar o turismo.

Canalizar, harmonizar e facer coherente as políticas de difusión e proxección exterior do concello. Con esa finalidade Lugonovo aposta por elaborar un Plano Estratéxico de Turismo que se revisará e actualizará cada cinco anos e que debe incluír, segundo a Plataforma Cidadá, varias liñas mestras.

“A primeira será situar a Oficina Municipal de Turismo baixo a dirección dun xestor que traballe de forma coordinada coa área municipal encargada de artellar a industria turística lucense, explica Xosé Chorén, para, a continuación, crear unha páxina web de Turismo en Lugo de carácter específico e independente do portal municipal que difunda todos os contidos de interese neste ámbito con versións, como mínimo, en galego, castelán e inglés”.

O candidato de Lugonovo a alcaldía apunta tamén a necesidade de catalogar os recursos locais segundo a súa clasificación como ben patrimonial, cultural ou natural e urxe ao deseño dunha rede museística, baixo o concepto de “Pasado Vivo, Cidade Museo” entre as diferentes salas e as ventás arqueolóxicas que deberán dispoñer de novos carteis e sinalización eficiente con información en código QR.

“Desenvolveremos alén de físicamente, vía internet, roteiros accesibles facilitando as súas coordenadas GPS e trazaremos sendeiros ambientais periurbanos e tamén itinerarios que se alonguen, máis aló de intramuros, coas sendas do Miño – Rato e os Muíños – Camiño Real, entre outros. Ademais ergueremos un Centro de Interpretación da Natureza nas Illas do Miño que terá, entre outros obxectivos, a recuperación dos caneiros e os batuxos así como a posta en valor e a socialización do río a prol dunha conservación participativa da cidadanía”, indicou Chorén Vázquez.

“As cifras de visitantes, que se superan cada tempada, dan fé da potencialidade que ten a nosa cidade. Por iso, baseándonos nos propios recursos, faremos de Lugo un destino capaz de atraer e fixar un turismo de calidade e desestacionalizado”, concluíu o alcaldable que, esta mañá, trasladaba as súas propostas sobre o sector á Xunta de Cofradías da Semana Santa, dentro dos actos organizados pola formación para a campaña electoral.