Queremos converter os polígonos industriais no centro loxístico de referencia do noroeste peninsular

Aproveitar a ubicación dos polígonos industriais para convertelos nun centro loxístico de referencia. Esta é a proposta que Lugonovo presentaba hoxe ao empresariado dos parques das Gándaras e do Ceao cos que mantivo un encontro para escoitar as reivindicacións do sector pero tamén para trasladarlles as liñas programáticas da formación durante os próximos catro anos.

“Para Lugonovo é fundamental poñer en marcha un proxecto de dinamización do concello. Sacarlle o máximo rendemento a tódalas pezas que compoñen a engranaxe económica do municipio e distinguirnos, sobre outros territorios, polo que xa nos identifica e resulta innato en nós: a situación xeográfica tan favorable da que dispoñemos dentro do noreste peninsular”, explicou Xosé Chorén.

O alcaldable da Plataforma quixo destacar a valía do tecido empresarial local, como principal motor do desenvolvemento de Lugo ao que, dixo, “cómpre corresponder cunha administración solvente, áxil e eficaz”.

Chorén Vázquez indicou, unha vez máis, que a primeira medida que tomará Lugonovo dende o goberno será poñer orde na xestión interna da institución e do seu cadro de persoal “requisito sine qua non para poder garantir a tramitación de licenzas e o pago aos proveedores, dous aspectos fundamentais que, neste momento, están a condicionar as perspectivas de futuro do noso concello” e, ao mesmo tempo reiterou o seu compromiso de crear unha Oficina Municipal que recolla as demandas da industria lucense e colabore na xestión de novas vías de financiación tanto europeas como autonómicas e estatais.

Unha revisión das políticas fiscais actuais, coa inclusión de novas bonificacións para fomentar o asentamento de novos negocios e a utilización do transporte público entre os e as traballadoras dos polígonos, así como abondar nas relacións entre empresa, Concello e Universidade para apoiarse na experiencia e excelencia científica e de investigación do Campus de Lugo, son outros dos eixos nos que se basea Lugonovo quen pula igualmente por constituír unha mesa de diálogo na que estean representados tódolos axentes implicados “coa fin de dar, dunha forma conxunta, pasos decididos cara o crecemento da economía local”, indicou Xosé Chorén.

A implantación de medidas de conciliación familiar como a construción dunha escola intantil nas proximidades dos parques empresariais; a  mellora da seguridade en toda a contorna coa posta en funcionamento do sistema de videovixilancia xa instalado e o adecentamento e limpeza dos terreos baleiros que se atopan nas inmediacións das naves foron outras das cuestións abordadas esta mañá e que Ramón Alonso, Tesoreiro da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras, na que se integran ao redor dun cento de negocios, lle transmitiu a Lugonovo aseverando que “calquera medida que se tome para beneficiar aos polígonos terá un efecto positivo sobre o resto da sociedade local”.